O monumento ao Pescador de Ponte Caldelas, victima do vandalimo

Antes e despois da reposición da sedela da estatua
O Monumento ao Pescador volveu ser vítima, por terceira vez consecutiva, do vandalismo e da actitude incívica dun grupo de descoñecidos que romperon a punteira e o arco que simula a sedela do conxunto escultórico de especial significado para os veciños de Ponte Caldelas, aínda que de escaso valor económico.
Aínda que, ata o momento, se descoñece a autoría dos estragos, encontráronse nas inmediacións do Monumento ao Pescador, restos e desperdicios propios dos cales estiveron a practicar na zona botellón incontrolado.
O alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, manifestou a súa decepción co comportamento incívico dun grupo de persoas que encontran a súa diversión no estrago de bens comúns ou mobiliario urbano cuxo estrago, ao final, repercute en todos e cada un dos veciños que, cos seus impostos, contribúen ao mantemento dos espazos e bens públicos.
Perfecto Rodríguez lamentou que por terceira vez o Monumento ao Pescador se convertese en vítima do vandalismo porque “é unha figura que levanta simpatía no pobo e que, pola súa situación en pleno paseo fluvial e o seu realismo, é motivo de contemplación por moitas persoas que durante a Festa da Troita ou nas súas visitas a Ponte Caldelas achéganse para velo.
Finalmente, Perfecto Rodríguez confesou que está a sopesar a posibilidade de deixar o conxunto monumental incompleto “ante a tenaz persistencia destrutiva do vandalismo que aproveita as súas reiteradas reposicións para volver cometer este atropelo que, lonxe de ser simpática, retrata ben ás claras a quen a comete”, concluíu anoxado o rexedor caldelano.











