O monólogo autobiográfico de Luis Zahera, segundo show do festival do humor da Laracha
Luis Zahera ofrecerá o seu perfil máis cómico este venres a partir das 22.00 horas na Casa da Cultura da Laracha na segunda das actuacións incluídas no I Festival do Humor. O coñecido actor santiagués será o protagonista dun monólogo autobiográfico no que compartirá co público anécdotas e experiencias persoais que o levan a asumir que posiblemente non sexa todo o intelixente que pensaba ser.
Todas as persoas que desexen presenciar o espectáculo de Luis Zahera, coñecido, entre outros traballos, polos seus papeis de Petróleo na serie Mareas Vivas, El Pertur en Sin tetas no hay paraíso ou Releches, no filme Celda 211, poden adquirir as entradas ao prezo de cinco euros no Concello da Laracha en horario de 9.00 a 15.00 horas ou na propia Casa da Cultura ata minutos antes do inicio do espectáculo.
A semana pasada o monólogo de Carlos Blanco encheu a Casa da Cultura. Á actuación de Luis Zahera seguirana nas próximas semanas os shows de Quico Cadaval (24 de maio) e de Sergio Pazos (31 de maio), para os que tamén están á venda as entradas no Concello.