O mercado de alimento labrego dos Tilos celebra o Día Internacional do Comercio Xusto
O Mercado de Alimento Labrego, que xa case leva un ano desde a súa posta en marcha polo mes de xuño do ano pasado no parque dos Tilos, vai celebrar este sábado 11 de maio o Día Internacional do Comercio Xusto con diversas actividades e exposicións.
Na edición de 2013 o mercado dos Tilos foi o elixido polo Sindicato Labrego Galego e a Asociación Amarante para celebrar este Día internacional na Comarca de Compostela. Trasládase, polo tanto, para o Concello de Teo unha actividade que en edicións anteriores se viña celebrando no parque de Belvís, situado na cidade compostelá.
O mercado dos Tilos, que funciona nas mañás de todos os sábados do ano, verá reforzada a súa tradicional oferta de produtos agrícolas gandeiros locais con produtos de comercio xusto provenientes de todo o mundo. Os propios tendeiros e os membros das asociacións organizadoras serán os encargados de explicaren ás persoas interesadas as vantaxes de consumir produtos de comercio xusto como alternativa ética e confrontarán esta opción co habitual funcionamento dos mercados internacionais.
Ademais, durante a mañá deste sábado poderase visualizar unha serie de paneis informativos sobre a realidade da muller no actual sistema laboral, a lacra de accidentes e de mortes no sector a confección ou a falta equiparación de dereitos cos homes no sector da alimentación e da terra a nivel mundial.











