O I Mercado de Oportunidades de Verán das Pontes estréase con 10 premios para os clientes
O Concello de As Pontes, a través do departamento de Industria e Comercio, e o Instituto Pontés de Promoción Económica (IPPEC), celebrarán esta fin de semana a primeira edición do Mercado de Oportunidades de Verán (MOVE), unha inciativa que xurdía das propias propostas do tecido comercial local, ás que atendían dende a concellería que dirixe Montserrat García.
Así, este sábado, entre as 10.00 horas e ata as 20.00 horas, de xeito ininterrompido, teremos a oportunidade de facer diferentes compras e a prezos do máis atractivos nos postos que quedarán ubicados na Avenida da Coruña, nunha carpa habilitada para esta cita comercial.
Un total de 16 establecementos de diferentes sectores coma o calzado, o textil, a xoiería, os deportes, a caramelería ou os complementos participarán neste mercado que colle así o testemuño do MOVA, un mercado semellante pero xa enfocado á temporada de inverno e que se atopa do máis asentado xa na programación de outono do municipio pontés.
E é que, unha vez máis, o executivo local apostará por respaldar un sector que mantén centos de empregos no municipio, tal e como subliñou a concelleira Montserrat García.
Como ven sendo habitual, non faltarán os premios para aqueles clientes que realicen as súas compras nas tendas do MOVE. Será mediante dous sorteos de vales de compra nos diferentes establecementos participantes.
Así as cousas, ás 12.30 horas terá lugar un primeiro sorteo de cinco premios de 50 euros cada un para o que será preciso estar presente e xa , pola tarde, terá lugar un segundo sorteo ás 18.00 horas, doutros catro premios de 50 euros e un quinto premio de 100 euros, tamén coa mesma condición: o de estar presente no momento do sorteo para a súa recollida. Asemade, os premiados terán 15 días para canxear os seus vales en calquera dos 16 establecementos participantes.
Finalmente, Montserrat García convidou a toda a veciñanza a participar neste MOVE de verán que, asemade, terá premio para dez veciños e veciñas que, durante o sábado, se decanten por facer algunha que outra compra en postos coma o de Bolboreta, Tres Lúas, Mesturas, Gegundez Sport, La Estrella, Bau Bau, Galofer, Saavedra, Deko Logas, Templo, Juaneta, Pin-Up, Xandra, Niza, Zokos ou Vilaboy- VL.