O goberno presenta unha proposta para aforrar preto de 150.000 euros ao ano en alumeado público
A Casa do Concello acolleu unha xuntanza dos voceiros de todos os grupos políticos municipais na que se expuxo un Proxecto de Servizos Enerxéticos do Alumeado Público Exterior do Concello de Carballo no que se estuda sacar unha concesión para o servizo de mantemento do alumeado público do municipio. Neste proxecto recóllense os datos dunha auditoría enerxética na que se plasma a situación actual do alumeado e se propoñen as medidas que deberían tomarse no futuro para que o Concello puidese aforrar preto de 150.000 euros ao ano na factura de subministro enerxético, mantemento, conservación e reposición das instalacións de alumeado. O gasto anual total previsto para o ano 2013 estímase en 979.867,78 euros (IVE incluído) dos que 646.999,95 serían de enerxía eléctrica; 284.118,68 de mantemento; e 48.750 euros de reposicións. O estudo propón varias medidas para reducir este custo, como serían a substitución de todas as luminarias convencionais por luminarias LED reguladas; adaptar as luminarias máis recentes ao sistema LED Retrofit; cumprir coa normativa de alumeado de estradas; realizar un proxecto de legalización de eficiencia e etiqueta enerxética e situar un sistema de información xeográfica. Segundo conclúe o estudo, tan só a instalación da nova tecnoloxía LED, con redución punto a punto, implicaría un aforro superior a un 80 por cento, o que permitiría reducir o gasto anual durante a vixencia do contrato a menos de 830.000 euros.
Ademais da substitución das lámpadas por LED, outras medidas de mellora e eficiencia enerxética que se porían en marcha suporían a substitución dos centros de mando pendentes de renovar; a eliminación das proteccións diferenciais en todos os cadros; a instalación dun sistema de monitorización e xestión enerxética que permita tanto a xestión do mantemento como a xestión enerxética centralizada; ou a instalación dun sistema de avisos de incidencias permanente que permita resolver os problemas en menos de 24 horas. A empresa concesionaria debería asumir a xestión enerxética do subministro, control de calidade, cantidade e uso; o mantemento preventivo e condutivo das instalacións; a reparación, substitución ou modificación dos elementos obxecto do contrato por fin de vida útil ou obsolescencia; a realización e financiamento das obras de mellora que fomenten o aforro e eficiencia enerxética; e a incorporación doutras medidas a maiores que fomenten o aforro de enerxía. A prestación do servizo enerxético revisaríase anualmente, segundo a variación das tarifas eléctricas, e o contrato recollería fórmulas de reaxuste por incremento ou diminución de puntos de luz ou centros de mando.
O goberno aproveitou para presentar a proposta ante os voceiros municipais porque o obxectivo é que o prego de condicións do contrato sexa debatido no pleno o antes posible. Na xuntanza estiveron presentes o voceiro do PSOE, José Antonio Viña; o de TEGA, Manuel Andrade; Juan Carlos Castro en representación do PP; Xose Regueira como voceiro do BNG; e o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero. Ademais do contrato de subministro e mantemento do alumeado, na xuntanza abordáronse algúns detalles da Ordenanza fiscal número 28 reguladora das taxas por actividades e servizos de control animal referida á canceira municipal, que quedou sobre da mesa no pleno do mes de abril e recibirá varias modificacións antes de levarse de novo ante a corporación para a súa ratificación.