O goberno municipal recupera cunha nova imaxe o autobús turístico do Concello de Ferrol
A concelleira de Turismo, María del Carmen García Fraga, presentou hoxe a nova imaxe do autobús turístico do Concello de Ferrol, que o Goberno Municipal reactiva como punto de información turística itinerante. Así, García Fraga informou que a primeira saída deste autocar será mañá sábado, cando estará estacionado nas inmediacións do do campo de fútbol da Malata –entre as 16:30 e as 18:30 horas- con motivo do partido de ascenso do Racing de Ferrol.
A través deste autobús “pretendemos potenciar e fomentar o turismo da cidade ademais de proporcionar un punto de información itinerante tanto para os ferroláns como para os foráneos para que a coñezan”, manifestou María del Carmen García. O bus está decorado con numerosas imaxes do patrimonio histórico, cultural e paisaxístico do termo municipal como pode ser o Arsenal Militar, o Castelo de San Felipe, a praia de Doniños ou a Semana Santa e a Noite das Pepitas. Outro dos motivos que ornamenta o bus é a singular trama urbana do barrio da Magdalena, a coñecida como “tableta de chocolate”. No interior do autobús os que o visiten terán acceso a diferentes folletos e dípticos informativos sobre a oferta turística de Ferrol.