O goberno municipal fará partícipe ás entidades sociais do I plan de oportunidades do Concello de Ferrol 2013-2015

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal
A-
A+

A concelleira de Benestar Social do Concello de Ferrol, Rosa Martínez Beceiro, informou hoxe sobre o Plan de Oportunidades aprobado o pasado martes 30 de abril en Xunta de Goberno Local. Un documento que pon en valor o feito de que “Ferrol é unha cidade competitiva que ofrece unha ampla oferta de servizos, recursos e oportunidades para o desenvolvemento integral dos seus habitantes e para un estilo de vida atractivo e de calidade”. A titular de Benestar anunciou que fará partícipes á ampla rede de entidades sociais de Ferrol deste Plan de Oportunidades, convocándoas a unha próxima xuntanza de traballo.

Neste sentido, Martínez Beceiro sinalou que o obxectivo deste primeiro Plan de Oportunidades “é reforzar a capitalidade de Ferrol no noroeste de Galicia e, ao mesmo tempo,  e poñer en valor a Marca Ferrol”. A iniciativa  nace dende a área de Benestar Social, pero ten un carácter transversal, polo que será levada a cabo ata o 2015 por parte de todas as áreas do Concello. “Temos un compromiso firme coas políticas sociais e queremos preocuparnos e ocuparnos das persoas que peor o están a pasar”, asegurou a edil ferrolá. Ademais, lembrou que o goberno local xa tiña un compromiso polas persoas “o Plan de Axuste de 2011 reforzou o presuposto da área de Benestar en máis de 500.000 euros pola aposta firme que facemos cara as entidades sociais e persoas”.

A titular de Benestar Social aproveitou a súa comparecencia para explicar a  metodoloxía de traballo que está a seguir a Administración local neste mandato, e que ten a súa orixe nun Plan de Optimización de Recursos onde se da prioridade ao gasto social. “Facemos mesas sectoriais de traballo onde se logra a coordinación e colaboración coas entidades sociais da nosa cidade para a creación dunha verdadeira rede de recursos sociais”, subliñou Martínez Beceiro. E ao fío disto, a responsable municipal insistiu en que “o noso compromiso firme coas políticas sociais compróbase  nos dous Presupostos Xerais do Concello de Ferrol que aprobamos dende que temos a responsabilidade de goberno”.

O presuposto de Benestar pasa en dous anos de 3 a 6 millóns de euros

Ao respecto do incremento orzamentario para “blindar” as políticas sociais, Martínez Beceiro lembrou que ao comezo do presente mandato o actual Goberno Municipal atopouse cun presuposto feito polo executivo saínte para a área de Benestar Social de 3,2 millóns de euros –ano 2011-. Unha cantidade que no primeiro orzamento elaborado polo Goberno que preside Rey Varela –ano 2012- incrementouse até os 4,5 millóns de euros. Cifra que volveu subir no segundo orzamento municipal do presente cuadrienio –ano 2013- até alcanzar os 6 millóns de euros. “En dous ano duplicamos o presuposto da área de Benestar Social, o que fai evidente que o noso compromiso coas políticas sociais e as persoas da nosa cidade é firme” salientou.

Desta partida orzamentaria de 6 millóns de euros están dedicadas a accións moi concretas do Plan de Oportunidades un total de 500.000 euros. Así, e no ámbito social, algunhas actuacións xa se están a levar a cabo, como son as becas de escolas infantís; a creación do banco de alimentos; a creación dunha bolsa de vivendas sociais; o aumento das becas de comedor e a eliminación das listas de espera para esta prestación; o incremento das axudas á escolarización e a modificación do regulamento municipal para a concesión de axudas de emerxencia social. Cuestións todas elas que se reforzarán de novo grazas a este Plan de Oportunidades.

Entidades sociais e maiores

Ademais, Martínez Beceiro recordou que “este Goberno ten convenios nominativos con  máis de 45 entidades con fins sociais da nosa cidade, mentres que o anterior executivo só colaboraba con nove”. A edil ferrolá tamén lembrou que co Plan de Axuste aprobado ao inicio do mandato levouse a cabo unha axuda de financiamento extraordinaria non só a entidades sociais senón tamén a asociacións do ámbito da muller e veciñais. Así as cousas, a titular de Benestar Social detallou que o executivo de Rey Varela tamén incrementou considerablemente o presuposto destinado a entidades sociais, que hoxe ascenden a 860.000 euros, fronte os 245.000 que reservaba o anterior executivo.

Por último, outro aspecto do Plan de Oportunidades ao que se referiu a edil de Benestar Social foi o apoio á familia, infancia, maiores e ás políticas de conciliación a través de actividades extraescolares, talleres para familias, cursos realizados pola área de Igualdade. Así, os máis maiores contan con subvencións de prazas de centro de día e residencia, a teleasistencia, os comedores senior , a universidade sénior, a dependencia, e “Xantar na casa”. O presuposto municipal destinado a servizos de apoio aos maiores é de máis 3.5 millóns de euros.

3 de maio de 2013 | 19:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.