publicidade hoxe

O goberno municipal de Nigrán convoca á Comisión de Urbanismo para iniciar o proceso de aprobación inicial do PXOM

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaNigrán
A-
A+

O alcalde de Nigrán, Alberto Valverde, convocou hoxe á Comisión de Urbanismo na que se informará sobre o Plan Xeral de Ordenación Municipal que levará a aprobación inicial unha semana despois da celebración da comisión. Esta reunión, que se celebrará o día 6, dará o pistoletazo de saída a unhas semanas de vital importancia para o futuro de Nigrán. “Nas próximas semanas teremos claro quen está a favor dun crecemento ordenado e sustentable do noso municipio”, sinalou o rexedor municipal.

Tal e como se comprometeu, Valverde realizará unha rolda informativa sobre o documento de ordenación urbanística polas sete parroquias do municipio. O obxectivo destes encontros non é outro que dar a coñecer o documento parroquia por parroquia, “co fin de que cada un dos veciños deste municipio coñeza a documentación que levará a aprobación inicial”.

Así pois, Valverde afronta un momento decisivo no seu mandato cun axustado calendario, que o levará a percorrer todas as parroquias do municipio nun prazo dunha semana. Nestes momentos, o rexedor municipal está a pechar o calendario da próxima semana, que desde o mesmo luns levarao a realizar unha media de dúas reunións informativas ao día, en localizacións que dará a coñecer de cara ao fin de semana.

Finalizada a rolda informativa, a PXOM levará a aprobación inicial nunha sesión plenaria extraordinaria, que se celebrará unha semana despois. Neste sentido, Valverde lembrou que o período de alegacións –que se abrirá durante un prazo de mínimo de dous meses tras a súa aprobación inicial- será fundamental para a configuración definitiva do plan. “O período de alegacións completará e dará a forma definitiva ao documento que rexerá o futuro urbanístico e o crecemento sustentable do noso municipio”, engade.

O rexedor municipal pediu unha vez máis aos membros da corporación que estean á altura das circunstancias. “Atopámonos nun momento de vital importancia para o noso municipio, e os membros que conformamos esta corporación debemos ser máis responsables que nunca, deixar de lado intereses partidistas e electoralistas e facer o mellor para o futuro de Nigrán”, observa.

29 de maio de 2013 | 16:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.