O goberno municipal de Ferrol licita o proxecto de reurbanización da praza Río do Tronco
O Goberno Municipal de Ferrol, que preside Jose Manuel Rey Varela, avanzou hoxe na consecución de dous compromisos que se atopan recollidos no proxecto de cidade Ferrol 2020 e que teñen que ver co ámbito urbanística, como son a transformación do contorno de Río do Tronco, no Ensanche A, nunha verdadeira praza de encontro veciñal e a apertura e mellora da accesibilidade do parque municipal Raíña Sofía. Así, a Xunta de Goberno Local, iniciou hoxe a licitación do proxecto básico e de execución para a reurbanización de Río do Tronco; e adxudicou os traballos de apertura á cidadanía do Raíña Sofía.
No que atinxe a rexeneración da parcela de Río do Tronco, coa licitación esta mañá do proxecto construtivo –por un importe total de 30.796,91 euros (co 21% de IVE incluído e un prazo de execución de tres meses, a contar a partir da firma do contrato -, o alcalde de Ferrol cumpre co anuncio avanzado aos veciños/as do Ensanche A o pasado venres durante a visita a esta zona da cidade para comprobar as actuacións levadas a cabo ao abeiro do Plan de Barrios. O Executivo Local prevé destinar até 425.000 euros na transformación da parcela de Río do Tronco, un espazo hoxe degrado que é empregado como estacionamento de vehículos, nun verdadeiro lugar de encontro e estancia veciñal.
En canto á reforma do peche e mellora dos accesos ao Parque Municipal Raíña Sofía, a Xunta de Goberno Local aprobou a adxudicación desta actuación á empresa Construmax de Contratas S.L., que foi a que recibiu a maior puntuación por parte dos técnicos municipais que integran a Mesa de Contratación do Concello de Ferrol entre as 23 empresas licitadoras. O presuposto de adxudicación ascende a un total de 362.577,04 euros (incluído o 21% de IVE), e financiarase con cargo a fondos europeos do Plan Urban.
Demandas veciñais e posta en valor
O concelleiro de Urbanismo, Infraestruturas e Contratación, Guillermo Evia Pérez, lembrou que a intervención responde ao obxectivo de atender ás demandas da cidadanía substituíndo o actual peche para facer un parque aberto; e, ao mesmo tempo, poñer en valor este espazo público emblemático de Ferrol. Neste sentido, a actuación proxectada por Urbanismo permitirá poñer en contacto e dar continuidade aos barrios históricos de A Magdalena, Ferrol Vello e o Canido antigo. “O Raíña Sofía será un verdadeiro pulmón verde no centro da cidade, e a intervención que realizaremos porá en valor este recinto municipal como lugar de encontro e tamén de tránsito para pasear dende o barrio da Magdalena até a zona portuaria”, sinalou Guillermo Evia.
Así, o proxecto que se executará –e que foi presentado en decembro do ano pasado no propio Raíña Sofía- potencia elementos interesantes do parque, como a rehabilitación da porta principal de entrada ao recinto –que quedará aberta, sen reixas; e a ambos lados da mesma irán colocadas grandes letras con nome do parque-; e tamén se porá en valor un treito do muro que rodea esta zona verde de tal xeito que se xerará un corredor con lugares de estancia mediante a instalación de diferentes tipos de bancos. Ademais, construirase unha rampla na rúa Breogán para acceder ao recinto; e na rúa Espartero habilitaranse unhas escadas que porán en contacto este lugar con Ferrol Vello. Así mesmo, en Imeldo Corral recuperarase un pórtico antigo de cantería que fará de novo acceso ao Raíña Sofía.











