O goberno municipal de Ferrol activa os novos planes integrais de sinalización e pintado viario

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal
A-
A+

O Concello de Ferrol vén de activar os dous planes integrais de Pintado e Sinalización e o de Roces e Limpeza de camiños e cunetas na zona rural, anunciados polo alcalde Jose Manuel Rey Varela o día 22 do pasado mes de abril trala adxudicación destes dous servizos á empresa Tragsa. A Administración municipal destinará 376.000 euros ao desenvolvemento destes dous planes -300.000 euros o de pintado e sinalización, e os 76.000 restantes o de roces e limpeza no rural-, que veñen a completar o Plan de Barrios posto en funcionamento polo Executivo ferrolán.

Así as cousas,  as cuadrillas de pintado e sinalización comezarán a traballar na xornada de mañá de maneira simultánea en dúas zonas da cidade: Esteiro e Ensanche A. Neste último barrio se están a desenvolver dende principios desta semana e ao abeiro do Plan de Barrios diversas intervencións de melllora por parte dos servizos municipais e das empresas adxudicatarias que traballan para o Concello. Inicialmente serán dúas as brigadas –de tres ou catro persoas cada unha- as que se ocuparán do pintado e sinalización dos viarios do municipio; e a previsión é que a partir do vindeiro día 20 se incorporen a estas tarefas dúas cuadrillas máis. Deste xeito, antes de que remate o presente mes de maio haberá ao redor de 16 operarios dedicados en exclusiva a estas actuacións.

Os obxectivos deste programa integral de pintado e sinalización son a mellora da seguridade viaria e da regulación do tráfico rodado, así como mellorar a imaxe da cidade. Para elo, o investimento ascende a 300.000 euros, que supoñen a maior achega económica feita por un Goberno Municipal para o pintado e sinalización da cidade, multiplicando por cinco a cantidade que se viña destinando anualmente a estas tarefas. As previsión do executivo de Rey Varela pasan porque en catro meses se teña actuado en todo o termo municipal, aínda que o ritmo dos traballos dependerá das condicións meteorolóxicas.

Demanda veciñal

Cómpre salientar que coa posta en marcha do Plan de Pintado e Sinalización, o executivo local está a responder a unha das principais peticións que ten recollidas da cidadanía a través da Concellería de Participación. A primeira destas solicitudes fai referencia ao estado dos viarios e beirarrúas da cidade –de aí a entrada en funcionamento do Servizo de Obras, Reparacións e Mantemento- e a segunda ten que ver co deficiente estado do pintado e sinalización do municipio –ao que se dará resposta coa intervención integral que mañá comeza nos barrios de Esteiro e Ensanche A-.

Limpeza de camiños no rural

E tamén esta semana, máis en concreto na xornada de onte, comezou a traballar o novo Servizo Municipal de Roces e Limpeza de cunetas e camiños na zona rural, ao que o Goberno Municipal destina 76.000 euros. O plan contempla dúas actuacións por parroquia, e a primeira delas –que nestes momentos se está a executar- continuará ata finais de xullo; e a segunda que terá que estar lista en outubro. O obxectivo é contribuír á seguridade viaria e, ao mesmo tempo, que a zona de praias estea perfectamente acondicionada para o inicio da temporada de verán.

Son dúas as cuadrillas de operarios que se ocupan de actuar nos camiños e cunetas do rural, comezando o seu traballo na parroquia de Covas. En cifras, entre este mes e xullo intervirán en máis de 202.000 metros lineais de viarios; 15.000 metros lineais de marxes e camiños e 50.000 metros cadrados de limpeza de maleza, herbas, etc., en terreos de carácter público.

8 de maio de 2013 | 19:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.