O goberno municipal dá a volta á situación económica de Nigrán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalNigrán
A-
A+

O informe de Intervención Municipal relativo á información do orzamento municipal de 2012 indica un remanente de tesouraría positivo para gastos xerais do Concello de Nigrán de 1.995.684,70 euros, “circunstancia que dá a volta á situación económica do concello tras cinco anos consecutivos de resultados negativos”, sinala o alcalde, Alberto Valverde. 

Como recolle o informe, despois de cinco liquidacións orzamentarias con remanente de tesouraría negativo –recollido entre os anos 2007 e 2011, ambos os incluídos-, o ano 2012 é o primeiro que rexistra un remanente positivo, “un resultado que ratifica a boa xestión levada a cabo polo goberno municipal”, subliña.

Amortización e investimento

O goberno municipal destinará o superávit rexistrado nas arcas municipais para amortizar unha parte importante da débeda financeira municipal e para investimentos municipais, contorna a uns 600.000 euros. No primeiro caso, destinaranse preto de 850.000 euros a amortizar a débeda financeira municipal, “o que rebaixará de forma considerable os gastos que a administración local debe asumir en concepto de intereses e amortización, incrementando a disposición orzamentaria a outras concellarías”, explica o concelleiro de Economía e Facenda, Alberto García.

Así mesmo, García lembra que a amortización de parte da débeda contraída pola administración permitirá aforrar ás arcas municipais  130.00 euros ao longo do presente exercicio, e 260.000 anuais a partir de 2014.

Neste sentido, o concelleiro sinala que, até a data, a lei obrigaba a destinar a totalidade do remanente positivo de tesouraría á amortización de débeda. Na actualidade, debido á disposición adicional septuaxésima cuarta da Lei de Orzamentos do Estado de 2013, a normativa permite empregar parte dese remanente para investimentos municipais, a condición de que o concello non teña un endebedamento superior ao 55% e dita actuación non teña como contrapartida un custo elevado de mantemento.

Máis aforro

Nesta liña de xestión e control de gasto público, o rexedor municipal recalca que, a adxudicación a través de concursos públicos dos servizos de asistencia domiciliaria e de mantemento das zonas verdes xerará un aforro ás arcas municipais duns 60.000 euros, “contía que poderá ser destinada a outras partidas orzamentarias”, conclúe.

A esta cifra de aforro, súmanse medidas adoptadas nada máis acceder ao goberno municipal, como a revisión dos contratos de telecomunicacións, que permitiron un aforro nas liñas de telefonía móbil dun 34% e de 27.000 euros menos ao ano nas liñas fixas ADSL, entre outras.

16 de maio de 2013 | 12:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.