O goberno municipal contrata a elaboración dun plan de actuación para o desenvolvemento de solo industrial

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal
A-
A+

O Goberno Municipal que preside Jose Manuel Rey Varela contratou hoxe a redacción da 1ª fase do Plan de actuación de desenvolvemento do solo industrial no Concello de Ferrol, co obxectivo de fomentar o desenvolvemento económico no termo municipal, revitalizar o atractivo da zona para a localización de iniciativas empresariais e industriais e mellorar a competencia das industrias e negocios xa instaladas. Así, a Xunta de Goberno Local celebrada esta mañá acordou adxudicar á empresa “Proyfe S.L” a elaboración deste documento por un importe total de 101.131,80 euros (incluído o 21% de IVE). Este contrato está subvencionado ao abeiro das axudas convocadas polo Ministerio de Industria, Energía y Turismo.

A empresa “Proyfe S.L” levouse a redacción desta primeira fase do plan de desenvolvemento de solo industrial, ao que optaban outras tres firmas licitadoras. O prazo de execución do devandito estudo é de cinco meses, a contar a partir da firma do contrato. “Este ofrecerá unha visión actualizada e precisa da situación de todo o solo do municipio para determinar as parcelas que se poden cualificar como solo industrial”, explicou o concelleiro responsable da Área de Economía, Alejandro Langtry Caínzos. Ao respecto, o edil ferrolá engadiu que “se trata de conformar unha bolsa de solo disponible que se poida ofrecer ás grandes empresas”. Neste sentido, o plan definirá, así mesmo, estratexias para a captación de negocios, empresas e industrias. Ademais, tamén incluirá a planificación do tempo administrativo que sería necesario para a instalación das empresas.

Por último, neste primeira fase este plan de actuación detallará o marco socio- económico do municipio, con datos sobre a evolución demográfica, a base económica e empresarial e os contornos científico e tecnolóxico e formativo. Ademais, entre outros aspectos a ter en conta para o asentamento e captación de empresas, analizará a accesibilidade de transporte.

13 de maio de 2013 | 18:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.