publicidade hoxe

O Goberno municipal aposta por un San Juan máis sostible

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+

O responsable da área de Medio, Enrique Salvador, presentou esta mañá os actuacións que a Concellaría levará a cabo con motivo da celebración de San Juan dentro do Dispositivo Especial que o Goberno municipal puxo en marcha e nas que participan ademais as áreas de Seguridade, Cultura e Turismo.

“Unha das grandes novidades deste ano é a posta en marcha dunha experiencia piloto de repartición de madeira e depósito de residuos”, destacou o concelleiro, que explicou que o Concello poñerá a disposición dos cidadáns madeira limpa: “O obxectivo é o de reducir os riscos inherentes ao traslado e manipulación da leña e as secuelas negativas que poidan producirse pola combustión de materiais impropios dende o punto de vista ambiental, así como dos restos que quedan nos areais”, explicou.

En concreto, situaranse dous puntos de distribución na praia de Riazor, entre as 20.00 e as 22.00 horas; un á altura da fonte da Catalinas, e o outro á altura do Praia Club, que repartirán 25 toneladas de madeira limpa. “Esta iniciativa evitará restos cortantes ou punzantes na praia ademais da emisión de posibles elementos contaminantes á atmosfera que se puidese producir pola combustión de substancias como pinturas ou vernices”, sinalou Salvador.

A experiencia piloto tamén inclúe accións para incentivar que as persoas que esa noite gocen da festa na praia depositen o lixo xerado en sitios habilitados ao respecto. Para iso, o Concello dispoñerá ao longo das praias de Riazor e Orzán 7 colectores de 6 metros cúbicos de capacidade que se situarán na calzada e próximos aos accesos dos areais entre as 00.00 e as 04.30 horas. “Con estas iniciativas preténdese reducir a cantidade de desperdicios que quedan nas praias e así facilitar que estas poidan estar o máis pronto posible nas condicións sanitarias e de seguridade axeitadas para ser utilizadas polos usuarios na mañá seguinte. Trátase de que todos poidamos gozar dos areais, algo que mesmo terá premio porque se sortearán billetes de avión entre os cidadáns que fagan uso destes colectores”, explicou o concelleiro.

Dispositivo de limpeza

O concelleiro de Medio tamén informou sobre o dispositivo de limpeza que se poñerá en marcha con motivo desta celebración e no que participarán un total de 110 persoas. “Estará listo ás 06.00 horas e comezará pola praia de Riazor, na zona das Escravas. O dispositivo dividirase en dous grupos: o primeiro encargarase da limpeza de Riazor, Orzán, o Paseo Marítimo e o seu ámbito; o segundo comezará a traballar na praia de Oza, continuando polas praias da costa ata chegar a Matadero, onde se unirá ao primeiro grupo,” explicou o concelleiro, que engadiu: “Segundo as previsións, os traballos finalizarán sobre as 10.30 horas en Riazor, Oza e San Amaro; a mediodía ou primeira hora da tarde en Matadoiro e Lapas; e a media tarde no Orzán”. O ano pasado, o operativo de limpeza retirou 190 toneladas de residuos das praias e inmediacións durante a celebración da noite de San Juan.

Para realizar a limpeza dos areais e do seu ámbito contarase cos seguintes equipos e vehículos:

– 7 varredoras tipo Ros Roca City Cata 2020, utilizadas para a retirada de residuos mediante aspiración mecánica e dotadas de dous cepillos dianteiros e un terceiro brazo para o varrido de bordos.

– 2 varredoras de calzadas tipo Ravo e Ros Roca 5000 para a retirada de residuos mediante aspiración mecánica e o varrido de calzadas.

– 4 baldeadoras tipo Ros Roca City Lav, dotadas dun depósito de 2000 litros de auga, utilizadas para realizar operacións de baldeo mecánico e manual de beirarrúas e calzadas.

– 4 camións cisterna, equipados de depósito de 8000 litros, utilizados para realizar operacións de baldeo manual, mecánico e mixto.

– 2 vehículos con gancho e sistema ampli-roll para portar os colectores destinados á retirada dos residuos das praias, situados na rampla do Orzán e na praia de Riazor.

– 2 camións recolectores de caixa única destinados ao baleirado de colectores en ámbito das praias e do paseo marítimo.

– 2 furgonetas de caixa aberta destinadas ao traslado de persoal, medios materiais, útiles e residuos.

– 2 vehículos Ausa de pequeno tamaño e tracción 4 x 4 equipados con caixa aberta para o traslado de persoal, materiais, útiles e residuos.

– 7 vehículos destinados ao traslado de persoal, materiais e útiles de traballo.

– 7 furgonetas, utilizadas para o traslado de persoal, ferramentas, materiais e útiles de traballo.

– 11 tractores equipados con cazo e remolque nos que os operarios depositarán os residuos para a continuación transportalos ás caixas abertas, e de alí á planta de Nostián.

– 3 pas mixtas utilizadas para depositar e cargar residuos.

– 12 sopradores utilizados para xuntar e retirar os residuos.

– 2 caixas abertas, destinadas á acumulación de residuos para a súa posterior entrega na planta de Nostián.

– Outras ferramentas como anciños ou pinzas.

Enrique Salvador tamén informou de que se colocarán 34 sanitarios portátiles nos accesos ás praias e que se dotarán de colectores ás sardiñadas que así o solicitasen. Ademais retiraranse as papeleiras e colectores cos que se dota ás praias en tempada de baño e nos accesos e volverán colocarse o día 24.

Sinalización

Todos os accesos aos areais estarán sinalizados e dispoñeranse carteis explicativos coa prohibición de baixar á praia colectores, colchóns, tresillos, pneumáticos, e todos aqueles materiais susceptibles de producir gases tóxicos ao combustionar; así como a prohibición de baixar envases de vidro. Igualmente sinalizaranse todos os colectores que se colocarán a maiores e, xa co inicio dos labores de limpeza, a prohibición de acceso aos areais.

“Esperamos que a celebración se desenvolva nas mellores condicións de seguridade e limpeza ao tempo que apostamos por un San Juan máis sostible, en coherencia coas accións que se están a desenvolver dende Medio dentro da estratexia de loita contra o cambio climático como son os compromisos inherentes á Firma do Pacto dos Alcaldes, ou a posta en marcha da Oficina Municipal contra o Cambio Climático, que se creou recentemente,” concluíu.

29 de maio de 2013 | 13:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.