publicidade hoxe

O Goberno local saca a concurso o proxecto de Urbana C para mellorar a accesibilidade en catro barrios da cidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+

O Concello da Coruña sacou hoxe a concurso un proxecto de mellora da accesibilidade, dentro do plan Urbana C, no que se recolle a execución de preto dun centenar de obras que favorecerán a mobilidade en catro barrios da cidade: Agra del Orzán, ou Ventorrillo, Riazor e San Pedro de Visma.

As empresas interesadas en presentar as súas propostas a esta nova iniciativa teñen de prazo ata as 13.00 horas do próximo 3 de xuño. Unha vez adxudicado, o proxecto de mellora da accesibilidade executarase nun máximo de seis meses, tal e como se recolle nos pregos de licitación. O presuposto reservado para estas obras ascende 414.836 euros, financiado pola Unión Europea a través dos fondos FEDER.

O proxecto do departamento de Infraestructuras permitirá solucionar problemas puntuais na mobilidade, coa mellora de beirarrúas e espazos públicos no Agra del Orzán, ou Ventorrillo, Riazor e Visma. O Goberno municipal executará 90 actuacións -das que 15 serán en paradas de autobús-, ademais doutras accións concretas nos cruzamentos da rolda de Outeiro e a rúa Luis de Camoens, e da avenida de Finisterre coa rolda de Nelle e coa praza do Castelo de Olite.

Este proxecto de Urbana C súmase a outros xa iniciados polo Concello, como a posta en marcha, o ano pasado, da primeira fase do Plan de Accesibilidade, onde se inclúen 260 obras -a maioría no Casco Histórico e Peixaría-, como ampliación de beirarrúas, eliminación de elementos urbanos que se converteron en obstáculos, supresión de chanzos en zonas peonís, mellora de cotas e pendentes, e eliminación e creación de novos vaos e pasos de peóns.

24 de maio de 2013 | 12:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.