publicidade hoxe

O Goberno local ratifica o seu compromiso coa educación e leva a pleno proxectos de mellora de varios centros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+

O tenente de alcalde de Medio, Territorio e Infraestruturas, Martín Fernández Prado, avanzou esta mañá que a súa área levará ao próximo pleno do luns 6 de maio o cambio de uso da parcela municipal segregada do CEIP Raquel Camacho e a aprobación definitiva dos estudos de detalle da escola infantil desta parcela e da ampliación do Colexio de Educación Infantil e Primaria Emilia Pardo Bazán: “Nestes momentos difíciles, demostramos a clara aposta do Goberno local pola educación, un piar básico do estado de benestar,” sinalou o concelleiro. Con estes proxectos demóstrase o compromiso coa educación pública, dáse resposta a unha demanda veciñal existente e desbloquéanse dous temas importantes para a cidade e, en concreto, para os dous barrios: Agra del Orzán e Os Rosales.

AGRA DO ORZÁN

Fernández Prado explicou que a nova escola infantil do Agra del Orzán é un equipamento educativo financiado con fondos europeos a través do Plan Urbana C e que, por este motivo, debe estar finalizado antes de 2014. O Goberno local reserva nos seus presupostos, para este proxecto, 495.844 euros. O concelleiro recordou todos os trámites que este Goberno local tivo que realizar ante a incapacidade do anterior bipartito para construír unha nova escola infantil na zona:

– Agrupar todos os terreos correspondentes ao colexio Raquel Camacho e do Instituto Agra I nunha parcela de 12.665 metros cadrados.
– Segregación deste terreo en tres: Colexio de Infantil e Primaria Raquel Camacho, Instituto de Secundaria Agra I e unha nova parcela independente de 904 metros cadrados para a construción desta nova escola infantil.

Para a edificación desta é necesario cambiar o uso de parcela para que pase a ser equipamento público educativo-asistencial.

Ademais, o pleno propón dar luz verde ao estudo de detalle de ordenación de volumes para a realización da escola infantil que terá unha edificabilidade total de 1.356 metros cadrados e composta por tres corpos graduados: un de planta baixa con fronte á rúa Antonio Pedreira Ríos; soto, planta baixa e primeira planta cara á rúa Alcalde Liaño Flores; e planta baixa e primeira planta interior.

EMILIA PARDO BAZÁN

O responsable de Urbanismo tamén explicou que o pleno aprobará o estudo de detalle para a ampliación do Centro de Educación Infantil e Primaria Emilia Pardo Bazán, unha demanda histórica dos veciños do barrio e da comunidade educativa do centro.

Tal e como comentou, consiste na ordenación dun novo volume edificable sobre a parcela na que se encontran as edificacións de educación infantil e primaria. Proxéctase a construción dun novo volume de 1.800 metros cadrados que contará con 9 aulas, sala de usos múltiples, comedor con capacidade para 300 alumnos e unha nova zona de administración. Fernández Prado recordou que os traballos contarán cun investimento de 2 millóns de euros e o obxectivo é licitar o proxecto antes do verán para que a Xunta poida comezar as obras no último trimestre.

2 de maio de 2013 | 18:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.