O Goberno local pon en marcha o seu programa de Voluntariado Social 2013
O concelleiro de Servizos Sociais, Miguel Lorenzo, presentou esta mañá o programa de Voluntariado Social que puxo en marcha o Concello “conscientes da importancia” da acción voluntaria e co obxectivo de promover a participación social dos veciños e veciñas da Coruña”, destacou Miguel Lorenzo.
O Programa de Voluntariado Social desenvolverase ao longo de 2013 e inclúe varias accións:
– Accións de información, sensibilización e difusión.
– Accións de formación.
– Acción de Voluntariado Social en Centros Cívicos Municipais.
– Acción de captación de voluntarios e voluntarias en Centros Cívicos.
“Nestes momentos encontrámonos inmersos na Acción de Voluntariado Social nos Centros Cívicos Municipais xa que o noso obxectivo é contar cun grupo estable de persoas voluntarias nos nosos centros”, explicou o concelleiro, e engadiu: “Contamos con ao redor dun centenar de voluntarios que colaboran en actividades de alfabetización e cultura xeral de adultos; apoio escolar; clubs de labores; acompañamentos a persoas maiores; realización de actividades puntuais, en Clubs ou xornais e apoio noutras organizadas nos Centros Cívicos como bailes ou festas temáticas,”.
Neste sentido, o concelleiro tamén destacou que ao longo deste ano se incrementarán as accións encamiñadas á captación de voluntarios. “Así, os Centros Cívicos serán os encargados de poñer en contacto a pontenciales voluntarios e voluntarias da cidade con entidades concretas que contemplan programas de voluntariado, incluído o propio voluntariado en Centros Cívicos”, explicou. Para iso realizaranse anuncios a través de distintos medios como a web, os propios centros e folletos. Unha vez recibidas as solicitudes, os técnicos municipais realizarán unha entrevista cos candidatos aos que se lles ofrecerá unha proposta individualizada coas diferentes alternativas de voluntariado adaptadas ás súas características e necesidades da entidade.
Miguel Lorenzo explicou que coa nova páxina web da Concellaría se cumprirá con outro dos grandes obxectivos do programa de Voluntariado Social: “A nova páxina será a ferramenta fundamental na transmisión de información e nas accións de formación. Queremos concienciar a poboación da importancia de colaborar en accións de voluntariado como instrumento para conseguir unha sociedade máis xusta e solidaria. Por este motivo queremos incrementar a información sobre o voluntariado social, as organizacións que o desenvolven na cidade, os sectores de actuación e as canles de participación nas accións de voluntariado,” explicou.
Neste sentido, a Concellaría informará tanto as persoas que xa forman parte da rede de voluntariado dos centros cívicos municipais e veciñais coma aquelas que pensasen en incorporarse neste ano, das obrigas e dereitos que leva aparellada calquera acción voluntaria.
– Na páxina web de Servizos Sociais haberá información detallada sobre o programa e as accións que se desenvolverán cada ano, así como información xeral sobre outras entidades de voluntariado social da cidade.
– Facilitarase unha ficha ás diversas entidades de voluntariado social da cidade para recoller as demandas de persoal voluntario para o coñecemento da cidadanía.
– Editarase material divulgativo que será distribuído a través da rede de Centros Cívicos e da páxina web para sensibilizar a cidadanía e fomentar a colaboración en labores de voluntariado social.
O concelleiro tamén destacou a importancia da formación no voluntariado “para que as persoas tomen conciencia do alcalce do seu valor e o compromiso que contraen ao facerse voluntarios”, matizou Lorenzo que explicou que o obxectivo do Goberno municipal é o de fomentar unha acción voluntaria comprometida.
Neste sentido, organizaranse xornadas nas que se lles informará dos seus dereitos e obrigas así como dos das persoas destinatarias, facilitarase orientación sobre os recursos existentes e formalizarase o compromiso. Ademais está previsto que nos próximos meses se organice un taller sobre Voluntariado na cidade que contará con charlas e distintas mesas informativas sobre atención a maiores, atención a colectivos vulnerables ou o voluntariado na diversidade funcional.
Por outra parte, o concelleiro de Servizos Sociais destacou que, no marco do programa, se poñerán realizar xornadas de convivencia e recoñecemento dos voluntarios e voluntarias, tanto municipais coma doutras entidades.