O Goberno local explica a Aproinco as principais novidades normativas do PEPRI

Martín Fernández durante a reunión
O tenente de alcalde de Medio, Territorio e Infraestruturas, Martín Fernández Prado, acompañado polo equipo redactor do Plan Especial de Protección e Reforma Interior (PEPRI) de Casco Histórico, As Atochas, Peixaría e Orzán e técnicos da Concellaría de Urbanismo, mantivo unha reunión con representantes de Aproinco (Asociación Provincial de Promotores Inmobiliarios da Coruña) para informalos sobre o documento e escoitar, de primeira man, as súas inquietudes e suxestións.
O concelleiro explicoulles os obxectivos que persegue esta revisión do PEPRI e que, máis alá do mantemento e conservación do conxunto histórico e do patrimonio, propón unha serie de reflexións relacionadas coa intervención no espazo público ou a mobilidade. Incidiu, tamén, en que se pretende potenciar o uso residencial da zona, compatibilizándoo cun uso terciario que posibilite a recuperación da actividade económica deste ámbito. Ademais, comprometeuse a abrir unha vía de diálogo con Aproinco para estudar os posibles matices que se poidan incluír no plan e relativos a cuestións que preocupan a este sector, tras a súa experiencia de 12 anos de traballo co actual PEPRI, como os sotos, as bufardas ou as medianeiras.
Pola súa banda, os representantes de Aproinco felicitaron o equipo redactor polo intenso traballo realizado e analizaron as principais novidades normativas que a revisión do Plan Especial incorpora e que teñen que ver con asuntos referidos a catalogación e nivel de intervención.
Nas próximas semanas, o concelleiro e o equipo redactor do PEPRI manterán encontros con outros colectivos, como o Colexio de Axentes da Propiedade Inmobiliaria e o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos.
Esta iniciativa é unha clara aposta do Goberno local pola transparencia do documento e o seu proceso de redacción e aprobación, así como por fomentar a participación e implicación dos veciños na súa elaboración. Súmase a outras medidas que perseguen este mesmo obxectivo, como a notificación individualizada da aprobación inicial do documento aos 12.000 veciños; a exposición pública que se pode visitar na Casa de Cultura Salvador de Madariaga; a web www.coruna.es/urbanismo; e a formación dun equipo de traballo que, cita previa, atende persoalmente a cada comunidade de veciños ou a cada propietario que demande información.











