O goberno da Coruña aproba o acordo para que a cidade albergue a Tall Ships Races en 2016

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaDeportesDeportes PortadaLocal
A-
A+

O voceiro municipal, Julio Flores, anunciou que o Concello deu o visto e prace para que a cidade sexa porto anfitrión da Tall Ships Races en 2016 e se converta, de novo, na capital mundial da vela. “A Concellaría de Deportes e a Asociación Juan de Lángara están a traballar para que a próxima edición veña á cidade no mes de xullo de 2016, e que non coincida coas Festas de María Pita, o que nos permitirá contar con dous meses consecutivos de grande afluencia de visitantes á cidade”, sinalou o voceiro municipal.

“Será a novena vez na súa historia que a Regata de Grandes Veleiros chega á cidade”, informou Flores, quen engadiu: “A decisión está avalada polo éxito sen precedentes da pasada edición, tanto para a cidade coma para a bisbarra, a nivel organizativo e de participación, ao alcanzar o millón de visitantes”.

O Goberno local, a través da Concellaría de Deportes, traballa para que a cidade siga sendo un referente no noroeste español no ámbito deportivo, organizando actividades de gran repercusión, como é o caso da Tall Ships Races. “Na última edición da regata logrouse o récord de que máis dun millón de persoas visitasen as 48 embarcacións de 18 nacionalidades entre o 10 e o 13 de agosto de 2012”, indicou Flores, e continuou: “A Tall Ships Races xerou un retorno económico de 15 millóns de euros para a cidade e permitiu que o nome da Coruña chegase a máis de 10,2 millóns de persoas debido á cobertura mediática nacional e internacional, e grazas ás redes sociais”.

31 de maio de 2013 | 12:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.