O Goberno coruñés solidarízase cos afectados polas preferentes prestándolles asesoramento gratuíto
O Concello da Coruña puxo as instalacións da Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC) a disposición da Plataforma de Afectados polas Preferentes da Coruña para que, durante un mes, poidan levar a cabo un encerro, tal e como eles solicitaron, en sinal de protesta pola situación de espera e incerteza na que se encontran.
O Tenente de Alcalde de Emprego e Empresa, Luisa Cid, e o Concelleiro de Servizos Sociais, Miguel Lorenzo, reuníronse esta mañá cos representantes da plataforma, para consensuar estas e outras demandas solicitadas polos preferentistas. Así, a través do Colexio de Avogados da Coruña, ofreceráselles asesoramento gratuíto a todos os afectados para que, en lugar de realizar a súa reclamación pola vía arbitral, opten pola vía xudicial.
Máis de 9 millóns de euros en reclamacións
O Goberno local decidiu atender as reivindicacións dos afectados e realizar un esforzo en pro dos dereitos destes cidadáns. Neste sentido estimou oportuno, xusto e conveniente cederlles a OMIC por tratarse dunhas instalacións municipais significativas xa que é onde se tramitaron gran número de consultas e reclamacións das preferentes, ademais de ser o lugar de referencia da cidade no que atinxe á defensa dos dereitos dos consumidores.
Precisamente, ao longo de 2012 a OMIC recibiu un total de 27.718 consultas un 25% máis que en 2011, un incremento motivado, principalmente, pola demanda de información xurdida polas reclamacións en materia bancaria. De feito tramitáronse 5.750 consultas e 313 reclamacións dos afectados polas participacións preferentes e obrigas subordinadas, cun valor total de 9.059. 602 euros
Estas decisións tomadas polo Goberno local enmárcanse dentro do apoio que, dende o primeiro momento, o equipo de goberno mostrou a este grupo de cidadáns que mantiveron xa dous encontros co alcalde, Carlos Negreira e reunións periódicas co Concelleiro de Servizos Sociais, Miguel Lorenzo.











