O festival Rockin’ abre as Festas de San Xoán no Concello de Carballo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioCarballoLocal
A-
A+
Presentación da festa Rockin´

Presentación do festival Rockin´

Despois de varios anos buscando o seu espazo e a súa propia identidade, o festival Rockin’ chega á súa “maioría de idade”, en verbas de José Antonio Deus, membro da Comisión de Festas de San Xoán 2013. Explica que ao longo da súa historia, dende o seu nacemento como Rockin’ Praza en 2008, no festival “sempre houbo actuacións de moita calidade” e despois dun percorrido no que cambiou de formato e localizacións acada por fin “entidade propia” para converterse nun “referente musical de calidade en Carballo xunto co Sereas e Piratas e o Xiria Pop”. Polo tanto, na organización da edición de 2013, mantense a “filosofía de primar a calidade musical” como obxectivo en lugar de tentar “encher un recinto” recorrendo a “grupos de radio fórmula”. Por iso, ao longo da súa traxectoria, o festival ten acadado o “respecto” por parte do público. A cita deste ano está programada para o venres 21 de xuño a partir das 22.00 horas nunha carpa situada no parque de Rego da Balsa, detrás da antiga estación de autobuses. E os grupos que enchen o cartel son os madrileños Sex Museum e Layabouts, os barceloneses Stay e os vigueses Moon Cresta. Así mesmo, a DJ Sandrita Dinamita será a encargada de pinchar para animar o festival, ao igual que fixera o ano pasado. Segundo o Concelleiro de Mocidade, Daniel Pérez, todos os grupos do cartel teñen en común “a súa aposta polo rock’n’roll e a solvencia do seu directo”.

No caso de Sex Museum, levan 20 anos de xira e de concertos, caracterizándose por ser unha banda que cría na independencia do rock cando aínda non existía a etiqueta “indie” e que agora volve ás súas orixes. Os Layabouts apostan polo “rock en estado puro”, e despois de tres discos publicados (o primeiro deles en 2005) acadan unha nova dimensión sonora e de madurez no seu último traballo “Savage Behaviour” (2011). Dende Barcelona, Stay -banda creada en 2001- dan un salto de calidade tremendo no seu último traballo “The Fourth Dimension”, o que os leva a estar xirando en festivais por toda España dende 2012. Por último, os vigueses Moon Cresta son un grupo que leva dez anos de traxectoria no rock’n’roll e que conta don dous álbumes editados, o último eles “Sparkling Radiostar and the Lunatic Orchestra”, e que se caracteriza polo entendemento dos seus compoñentes enriba do escenario. Segundo Pérez, o obxectivo deste cartel moi traballado é o de “darlle ao público un aliciente con grupos que ofrecen un espectáculo bestial”.

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, que estivo na presentación do festival xunto coa Concelleira de Festas, Belén Lendoiro, e a presidenta da Comisión de Festas de San Xoán, María José Souto, manifestou a súa “satisfacción” por ver como se “van consolidando” en Carballo alternativas musicais como o Rockin’, o Sereas e Piratas e o XiriaPop e quixo agradecer á Comisión de Festas o seu traballo. Do mesmo xeito, Deus quixo subliñar a importancia de que o Concello carballés siga apostando “en tempos de crise” por este tipo de apostas culturais e musicais. Por último, Ferrero quixo animar a todos os carballeses e carballesas a que “desfruten da música, dos decibelios e de estar cos amigos” durante o Rockin’, que marca o punto de partida do San Xoán.

16 de maio de 2013 | 10:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.