O “expresionismo” de Novais invade de “Sensacións” o Pazo da Cultura

Inauguración da mostra
A pintora María Luisa Rojo-Novais Grandío, máis coñecida artisticamente como Novais, expón a súa mostra “Sensacións” no andar -1 do Pazo da Cultura até o 9 de xuño. Novais afirma que o seu estilo bebe do “expresionismo”, pero tamén do “impresionismo” e que adoita empregar “diferentes técnicas”, xa que en “Sensacións” poden verse ata tres ou catro maneiras de abordar o óleo. A artista asegura que lle “gusta pintar”, porque lle ofrece a posibilidade de “dar diferentes posibilidades de min”. O público que se achegue ata o Pazo da Cultura poderá desfrutar de máis de vinte obras que se unen entre o expresionismo e a abstracción con cores intensas e formas características da pintora. Con trazo forte e vibrante e variedade de cores e formas, emerxen as figuras transmitindo constante movemento. Novais quixo expresar o seu agradecemento ao Concello de Carballo e ao Pazo da Cultura por cederlle un “espazo tan amplo e impresionante” para expoñer o seu traballo, mentres que o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, manifestou que dende o Concello “estamos encantados de que calquera persoa que queira transmitir a súa experiencia artística” o faga no Pazo da Cultura. A exposición pode visitarse en horario de 17.00 a 20.30 horas. Hai que subliñar que a autora tivo a deferencia de sortear dúas das súas obras durante o acto de inauguración da exposición entre os asistentes, que estiveron encantados de recoller un anaco do labor artístico de Novais. A Concelleira de Cultura, Mar Eirís, foi a encargada de resumir a súa traxectoria profesional. Nacida en A Ponte do Porto (Camariñas) na actualidade reside en Oleiros e ten o seu taller na Coruña. Novais estuda debuxo, acuarela, pastel e óleo na Escola de artes Pablo Picasso co profesor Mariano Fernández Patiño. Asiste ao Taller de escaiola, baleirado, talle e modelado na Escola Artes e Oficios e estuda decoración de interiores na Escola de arte superior Pablo Picaso, continuando estes estudos de Arquitectura de Interiores en Salamanca. Así mesmo, realiza cursos sobre iluminación nas obras de arte en Madrid, cursos de gravado (litografía e xilografía) e de gravado calcográfico. Ao longo da súa traxectoria realiza exposicións individuais en Coruña, Ferrol, León, Culleredo, Baiona, Santiago, Oleiros e Teo, e participa en exposicións colectivas en Coruña, León, Santiago, Pontevedra, Barcelona, Porto, Culleredo, Narón, Betanzos ou incluso en Estambul e Estocolmo.
Os interesados e interesadas en ver a súa obra de primeira man, poden facelo até o 9 de xuño no andar -1 do Pazo da Cultura en horario de 17.00 a 20.30 horas.











