O escultor Xuxo Malone expón ata o 2 de xuño as súas obras no auditorio de Goián

Inauguración da mostra de Xuxo Malone
Xuxo Malone expón ata o vindeiro 2 de xuño unha colección da súa obra titulada “Imperfeccións”.
A mostra, que pode visitarse de luns a venres, de 17.30 a 19.30 horas, e sábados e domingos, de 11.30 a 13.00 e de 17.00 a 19.30 horas, no Auditorio de Goián, foi inaugurada o pasado sábado pola alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e a concelleira de Cultura, Cristina Martínez.
O acto contou con numeroso público, entre os que se atopaba no alcalde de A Guarda e outras autoridades de concellos da comarca, así coma familiares, amigos, artistas e público en xeral.
Xuxo Malone (autodidacta nado en A Guarda e veciño de Tomiño), comezou a experimentar con diferentes técnicas artísticas na súa infancia e mocidade, gañando no colexio e instituto varios premios de pintura, deseño de cartaces, traballos manuais, etc.
Máis tarde, comezou a traballar nunha cerámica familiar, onde aprendeu o oficio de alfareiro. A partir do ano 1997 comeza a expoñer a súa obra pola comarca do Baixo Miño. Preferentemente fai escultura en cerámica, pero tamén debuxa, pinta con lapis, carbonciño, prumiña, óleo, etc.











