O equipo do Papucín proclámase campión da Liga de Fútbol Sala de Frades 2013

Papucín tras proclamarse campión
O equipo do Papucín proclamouse campión da Liga Municipal de Fútbol Sala de Frades 2013 logo de vencer ao conxunto do Ponte Carreira nun disputadismo partido xogado no pavillón municipal de Ponte Carreira e que se decidiu na quenda de penaltis. Deste xeito, os xogadores do Papucín representarán ao Concello de Frades no Torneo Intermunicipal de Fútbol Sala, que terá lugar os días 1 e 2 de xuño en Outes.
A final da liga de Frades foi moi disputada. O Papucín enfrontábase a un dos grandes favoritos, xa que o Ponte Carreira era o vixente subcampión do torneo e fora campión nas edicións de 2011 e 2010. O encontro rematou con empate a un e resolveuse na quenda de penaltis, onde o Papucín fixo valer a figura do seu gardameta Miguel Calvo, trofeo Zamora do torneo con tan só 5 goles encaixados ao longo do campionato.
O alcalde de Frades, Roberto Rey, foi o encargado de facer entrega dos premios, tanto aos equipos como os individuais. O trofeo ao porteiro menos goleado foi para o mencionado Miguel (Papucín), mentres que o Pichichi foi para Madayo (Xuventude). A clasificación final da Liga Municipal de Fútbol Sala de Frades 2013 queda do seguinte xeito: Papucín, Ponte Carreira, Xuventude (campión de 2012), Aiazo, Paboi, AC José García e Abellá.











