publicidade hoxe

O Duatlón Cidade de Santiago celebrarase por primeira vez no Casco Histórico

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesLocalSantiago de Compostela
A-
A+

O domingo 5 de maio, a praza do Obradoiro acollerá a saída e a chegada do XI Duatlon Cidade de Santiago, organizado pola Concellería de Deportes e o Triatlón Arcade Inforhouse. Uns 450 deportistas participarán nesta competición, que serve de Campionato Galego de Duatlón e tamén como final provincial nas categorías escolares. A estas probas sumarase un duatlón popular. O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, presentou este XI Duatlón Cidade de Santiago e convidou os composteláns a presenciar esta proba. É a primeira vez que este duatlón se celebra no Casco Histórico, xa que antes se realizaba nas inmediacións do Estadio de San Lázaro. Neste sentido, o edil resaltou o esforzo loxístico que supón este cambio.

As probas comezarán pola mañá coas categorías escolares benxamín, alevín, infantil e cadete. Segundo apuntou Roberto García, da Secretaría Xeral para o Deporte, está prevista a participación duns 200 escolares de toda a provincia, que competirán polas prazas no campionato galego das respectivas categorías.

Entre as probas escolares e as de elite celebrarase un duatlón popular (15:00 horas). A presidenta do Triatlón Arcade Inforhouse, Laura Mosquera, apuntou que xa hai 114 inscritos nesta carreira, que se organizou para todos aqueles que non obtiveran praza no campionato autonómico e para outros corredores que amosaron o seu interese en participar neste atractivo circuíto polo Casco Histórico.

Ás 16:30 horas comezará a proba de elite feminina do Campionato Galego de Duatlón e, media hora despois, a competición masculina, na que, entre outros, participarán duatletas como o subcampión de España, Gustavo Rodríguez, ou os locais Brais Canosa e Luis Calvo.

Os corredores deberán facer 5 quilómetros a pé, para seguir con 20 quilómetros en bicicleta e rematar no Obradoiro despois doutros 2,5 quilómetros a pé. Laura Mosquera salientou que no circuíto “prima a dificultade”. Así, a costa do Monte do Gozo de temporadas anteriores é substituída pola complicación das costas de Xoán XXIII e Burgo das Nacións. A parte a pé tamén se fai máis dificultosa no cambio da proba ao Casco Histórico.

2 de maio de 2013 | 19:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.