O DIFE forma ás persoas da súa bolsa de emprego cun ciclo de cursos relacionado co uso de internet

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalVilagarcía de Arousa
A-
A+

O departamento Integrado de Formación e Emprego (DIFE) programou un ciclo de cursos orientado especificamente ás persoas inscritas na súa bolsa de emprego. Con esta iniciativa, o servizo dependente da Concellería de Traballo e Benestar do Concello pretende proporcionar a estas persoas a posibilidade de actualizar a súa formación con coñecementos sobre internet e outras aplicacións que hoxe en día son imprescindibles para poder acceder a moitos postos de traballo.

Na actualidade hai 550 demandantes de emprego inscritos na bolsa do DIFE. O departamento seleccionou ás que posúen un perfil máis baixo en relación aos seus coñecementos de informática, uso de internet ou correo electrónico e que precisan destas ferramentas para os postos de traballo aos que poderían optar. A eles diríxese esta acción formativa de carácter gratuíto.

Os cursos a impartir son o de Alfabetización Dixital, o de Correo Electrónico e Internet e o Curso de Busca de Emprego por Internet. O cupo de asistentes por curso é de 15 persoas pero o número total de alumnos aínda está por concretar xa que, en función do seu nivel de coñecemento hai que asiste aos tres, mentres que outros só a dous ou a un.

O ciclo de cursos ligados á bolsa de emprego do DIFE xa comezou este mes de maio coa actividade de Alfabetización dixital. O curso sobre Correo Electrónico e Internet impartirase do 21 ao 29 de maio e o de Busca de emprego por Internet entre o 3 ao 11 de xuño. Todas as accións desenvolveranse no Centro de Formación Permanente de Matosinhos, onde se emprazada o DIFE.

Temario útil e práctico

Entre as temáticas que os demandantes de emprego da bolsa do DIFE abordarán nos cursos atópanse cuestións de moita utilidade como coñecementos básicos sobre o funcionamento do equipo informático, utilización de Microsoft Word para a realización de documentos sinxelos e mesmo curriculums, a familiarización no uso da rede de internet, a creación dunha conta de correo, acceso a páxinas webs de empresas dos sectores profesionais que lle interesa laboralmente a cada un dos alumnos ou mesmo a inserción dos seus curriculums de emprego nas webs das mencionadas empresas.

18 de maio de 2013 | 12:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.