publicidade hoxe

O despregamento da Policía de Barrio logrou en 2012 diminuír nun 13% as chamadas ao 092 na Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocalLocal Portada
A-
A+

O despregamento da Policía de Barrio, que comezou en marzo de 2012, logrou que o ano pasado diminuísen as chamadas de cidadáns á Sala do 092 nun 13%, debido á presenza activa de policías locais a pé, en moto e en coche radiopatrulla en todos os barrios da cidade. Así, en 2012 recibíronse 108.300 chamadas na Sala do 092, fronte ás 124.500 de 2011.

A posta en marcha da Policía de Barrio logrou incrementar nun 52% o número de patrullas realizadas no primeiro ano de actividade, e grazas á reorganización de funcións púidose aumentar de forma significativa a presenza da Policía Local nas rúas. A Policía de Barrio cobre nestes momentos todos os barrios con patrullas a pé, en moto ou en coches radiopatrullas. Isto permitiu que a media diaria de policías locais que prestan servizo nos barrios pasase de 50 en 2011 a 83 policías no primeiro trimestre de 2013, o que supón un incremento do 66%. O labor de prevención levada a cabo pola Policía de Barrio logrou que diminuísen o número de denuncias nun 23%.

Por outro lado, en 2012 realizáronse 106 detencións, tres máis que en 2011, das cales destacan 24 por violencia doméstica -unha detención máis que o ano anterior-, 28 por roubo ou furto -unha menos-, 14 por lesións ou agresións entre particulares -fronte ás cinco do ano anterior-, e 25 por insultos, ameazas, desobediencia ou resistencia a axentes da autoridade -cinco máis que en 2011-.

Ademais, en 2012 púxose en marcha o Programa de Policía Comunitaria, mediante o que se mantiveron 17 reunións dos mandos da Policía Local con representantes de asociacións de veciños para explicar o despregamento da Policía de Barrio e establecer canles de comunicación directas para analizar as necesidades de seguridade.

Ademais das actuacións ordinarias, desenvolvéronse dispositivos especiais en grandes concentracións deportivas, en datas sinaladas como Nadal ou na Noite de San Juan, onde traballaron máis de 70 policías locais para velar pola seguridade dos cidadáns.

En 2013, incrementarase a presenza das patrullas a pé da Policía Local en cinco novos barrios e reforzarase a colaboración co Corpo Nacional de Policía co fin de potenciar a calidade do servizo prestado aos cidadáns.

20 de maio de 2013 | 12:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.