publicidade hoxe

O deporte capitaliza a oferta municipal de San Sadurniño para esta fin de semana

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesLocalSan Sadurniño
A-
A+

Este sábado celébrase o IV Tetramaratón no pavillón polideportivo mentres que o domingo percorrerá o territorio a VIII Roda cicloturista en familia. Para o tetramaratón as inscricións están pechadas, pero quen queira participar na roda ciclista aínda poderá apuntarse o mesmo día no punto de saída.

Os encontros do tetramaratón comezarán ás 9.30h. e desenvolveranse durante toda a xornada. Xogarase a volei, fútbol sala, baloncesto e hockei dun xeito adaptado a este tipo de competición tanto en duración como en número de compoñentes dos equipos, que terán que ter un mínimo de cinco xogadores e un máximo de seis.

A participación é gratuíta e no torneo participarán oito equipos, a maior parte deles de San Sadurniño. Haberá premios para o primeiro e segundo clasificados. O gañador recibirá un cheque de 50 euros por xogador para mercar material deportivo, mentres que os subcampións levarán cadanseu talón por valor de 25 euros, tamén canxeable por material en Deportes Sanesteban.

O IV Tetramaratón de San Sadurniño está organizado pola Concellaría de Deportes coa colaboración do C.V. Aldebarán e o Clube de Fútbol San Sadurniño.

VIII Roda cicloturista en familia

Dar unha volta polo territorio compartindo unha xornada en bicicleta ao aire libre. Ese é un dos principais obxectivos da roda cicloturista organizada para o domingo polo Concello en colaboración co club ciclista Biela e Chaveta. 

Trátase dunha ruta non competitiva de 14 quilómetros cunha dificultade baixa pensada para as persoas amantes das dúas rodas que queiran dar unha volta de lecer por San Sadurniño. A participación é gratuíta e está aberta a calquera persoa maior de sete anos. A inscrición pode facerse o mesmo día e é imprescindible para ter a cobertura do seguro de responsabilidade civil e de accidentes suscrito pola organización para o evento.

A roda arrancará ás 11 da mañá do colexio público. É obrigatorio o uso do casco e cómpre ter en conta que o tráfico non estará pechado durante o percorrido. 

A chegada estará situada no mesmo lugar que a saída, no contorno do colexio. Tan pronto como chegue o último participante e despois de repoñer o alento a organización ten previsto sortear entre as persoas inscritas varios lotes de material deportivo relacionado co ciclismo. A roda conta co apoio de varias firmas comerciais como a clínica de fisioterapia Fisio-Che Ben, a tenda de material Igaro Bikes, o restaurante Riboira e suministros eléctricos EM Luz S.L.

O concelleiro de Deportes, Suso Soto, sinalou que se agarda “igualar ou incluso superar a participación da anterior edición, na que se xuntaron máis dun cento de ciclistas de todas as idades.”

A oitava edición da Roda cicloturista en familia está organizada en colaboración co clube ciclista MTB Biela e Chaveta, quen suscribiu un convenio co Concello para impulsar este deporte no municipio. Dentro deste acordo Biela e Chaveta tamén levará a parte técnica e organizativa doutras dúas probas todoterreo de maior dificultade que se desenvolverán cadrando coa feira rural do mes de agosto e a comezos do outono.

Información complementaria:

Debido a cambios de última hora, lembramos o aprazamento da Xornada aberta sobre o Plan de Igualdade entre Mulleres e Homes de San Sadurniño -prevista para este sábado a partir das 19 h.- que pasará para os primeiros días do mes de xullo. Cando haxa data concreta remitirase a correspondente nota.

Por outra banda, o espazo Tempos para compartir que se vai desenvolver o sábado á tarde cambiou de lugar. A actividade trasládase ao local social de Lamas. Reenvíase a nota coa información xa actualizada.

31 de maio de 2013 | 10:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.