O curso “xerocultor/a especializado/a en actividades rehabilitadoras” comeza mañá
O novo itinerario de inserción laboral “Xerocultor/a especializado/a en actividades rehabilitadoras” dará comezo mañá martes; así o informou esta mañá a concelleira de Emprego, Martina Aneiros Barros. O curso dará formación a un total de 15 persoas desempregadas -13 mulleres e 2 homes- que foron seleccionadas polo equipo técnico do proxecto entre as 36 solicitudes recibidas nas dependencias do Centro Municipal de Emprego.
A acción formativa cunha duración total de 255 horas, desenvolverase ata o mes de xullo no Centro de Emprego do Concello de Ferrol. Este itinerario contempla varios módulos: formación específica (60 horas), práctica profesional titorizada en empresas (160 horas), formación transversal e complementaria (35 horas) e titorías individuais e grupais durante todo o curso de inserción laboral. “Dotar ao alumnado dos coñecementos, habilidades, destrezas e actitudes necesarios relacionados coas distintas disciplinas rehabilitadoras que permitan manter e mellorar a autonomía persoal dos maiores e as súas relacións co entorno tanto en institucións públicas como privadas” sinalou a edil de emprego como obxectivo deste itinerario integrado no proxecto “Ferrol punto de emprego II”
O plan, cofinanciado polo Fondo Social Europeo (FSE), ten como finalidade proporcionar aos beneficiarios unha cualificación profesional que lles permita acceder con mellores condicións de empregabilidade ao mercado laboral.











