O curso de “Operacións de caixa na venda” de Lalín Inserta permitiu a formación a 16 persoas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalínLocal
A-
A+

A concelleira de Actividade Económica, Comercio e Emprego, María José Batán sinala que “o programa integrado Lalín Inserta que o Concello de Lalín desenvolve en convenio coa Dirección Xeral de Formación e Emprego, e que conta coa participación de 75 traballadores/as desempregados/as remata o próximo 13 de maio a acción formativa de <Operacións de caixa na venda>”.

Batán indica que “o curso, de 40 horas de duración, impártese no hipermercado Eroski Lalín e ten un carácter eminentemente práctico”. “Dividiuse en dúas edicións, a primeira rematou o pasado 26 de abril, e en tres quendas horarias para facilitar a participación e a aprendizaxe das participantes”, afirma. “En total recibiron esta formación un total de 16 persoas, todas mulleres”, precisa.

A concelleira afirma que “este curso xunto cos de <Atención ao cliente> e <Operacións auxiliares no punto de venda. Reposición, disposición e acondicionamento de produtos e preparación de pedidos> completa a formación impartida na área de comercio, cun total de 180 horas de formación e a participación de 25 persoas”.

“Na próxima semana iniciaranse as prácticas profesionais non laborais en empreas que se desenvolverán nas superficies comerciais do municipio, cunha duración ao redor de 50 horas”, anuncia.

Así mesmo informa que “actualmente estanse desenvolvendo varias das accións previstas no programa como un curso de soldadura TIG e semiautomática para tuberías de ferro e inox que, cunha duración de 80 horas, finaliza o próximo luns e prácticas en empresas de acabado-ensamblaxe de prendas de punto, que finaliza o 20 deste mes”.

A edila delegada indica que “o prazo de desenvolvemento das accións finaliza o próximo 31 de maio; na vindeira semana poranse en marcha, xunto coas prácticas de comercio citadas, prácticas en empresas noutros sectores traballados no programa: en empresas de traballos forestais (repoboacións, tratamentos silvícolas, podas, apeos, etc.) e tamén prácticas de soldadura.

“De xeito paralelo -puntualiza- desenvolveranse diversas sesións de traballo en relación ao fomento do autoemprego e o emprendemento, dando así continuidade aos traballos de asesoría individualizada realizada polas técnicas municipais coas persoas con proxectos emprendedores do programa”.

“O período de execución do programa finaliza o 23 de setembro, como xa se ten dito, co que ata esa data o servizo de emprego do Concello continuará desenvolvendo as tarefas de orientación, asesoramento, busca de ofertas de traballo, intermediación laboral coas persoas participantes no programa”, puntualiza. “É de destacar que desde que se iniciou o programa en novembro ata o día de hoxe 23 persoas atoparon un posto de traballo”, resalta.

10 de maio de 2013 | 20:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.