O Conservatorio estréase no programa das festas de Santa Rita cun concerto da agrupación de cámara
A Agrupación de Cámara do Conservatorio Profesional de Música de Vilagarcía ofrece mañá un concerto na Praza de Galicia, actividade que se enmarca no programa das festas de Santa Rita. A actuación comezará ás sete da tarde e nela, alumnos e ex alumnos do centro municipal interpretarán temas do romanticismo, música galega e moderna. Esta é a primeira vez que o Conservatorio participa de forma activa nas festas de Santa Rita, seguindo a nova liña de actuación de abrirse á sociedade vilagarciá.
A Agrupación de Cámara do Conservatorio creouse a iniciativa do profesor de clarinete do centro, Iván Maia Boullosa, como unha actividade extraescolar e complementaria á formación que se imparte no centro. Por esta razón, está integrada tanto por alumnos actuais como por outros músicos que xa non cursan estudos no centro. A agrupación componse de 25 integrantes, 23 músicos e 2 directores.
O concerto comezará coa interpretación do “Pasodobre Churumbelerías”, de Emilio Cebrián Ruíz, inspirado nas covas granadinas de Sacromonte. A continuación, a agrupación de cámara tocará a rapsodia galega “Airiños Aires” de Gustavo Freire. O profesor de trombón, Nicolás Leiro Álvarez, será quen dirixa estas dúas obras.
O Concerto seguirá coa interpretación do 4º mov. Allegro con fuoco, da Sinfonía nº 9 “Do Novo Mundo” del compositor checo Antonin Dvorak. Posteriormente tocarán a Medley Suite, da banda sonora da película Piratas del Caribe, do compositor Klaus Badelt. Para estas dúas obras, actuará como director, o profesor Iván Maia.