O Concello traballa para que o caso dos cans abandonados estea solucionado mañá
O Concello de Cervo anunciou que está traballando para resolver o caso dos cans abandonados nunha vivenda da parroquia de San Román dende o primeiro momento no que tivo coñecemento do problema, hai menos dunha semana. Para iso está en contacto directo con varias administracións, entidades e corpos de seguridade, que están colaborando para resolver a situación coa máxima urxencia posible.
Despois de barallar diferentes opcións, o Concello decidiu que a solución máis áxil consistía en conseguir que o inquilino do inmoble e dono dos cans, que xa non habita nesa casa, permita o acceso á vivenda para recollelos e trasladalos ata as instalacións da protectora de animais.
Un caso de grande complexidade ao tratarse duns cans que se atopan nunha propiedade privada. Deste xeito, faise imprescindible a autorización do inquilino para poder acceder. Un arrendatario que foi denunciado polo propietario e arrendador do inmoble polo abandono dos cans. A outra alternativa sería acudir aos Tribunais e solicitar unha orde xudicial para poder entrar, o que prolongaría o proceso.
Deste xeito o Concello, que buscaba unha saída rápida, púxose en contacto co inquilino, que xa asinou unha autorización por escrito na que permite a entrada na vivenda para a retirada dos cánidos e a súa posterior cesión á Sociedade Protectora de Animais e Plantas de Lugo. Así, a edil de Medio Ambiente, Begoña Alonso confía en que “con esta autorización en la mano el problema esté solucionado mañana mismo”.
O Concello destaca o traballo de colaboración man a man con técnicos das consellerías de Medio Ambiente e Medio Rural, con axentes do Seprona e con persoal da Protectora de Animais e Plantas de Lugo.