publicidade hoxe

O Concello solicita unha subvención para mellorar a imaxe dos postos exteriores da praza de abastos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalVilagarcía de Arousa
A-
A+

A concelleira de Mercados, Rocío Llovo, pretende continuar coa modernización da Praza de Abastos cunha nova actuación coa que mellorar a imaxe exterior do inmoble. Neste caso, a idea á a de acondicionar e unificar a totalidade dos postos exteriores de venta que non entraron no proxecto de rehabilitación levado a cabo hai dous anos no interior da ala este e o corpo central do emblemático edificio. Para financiar as obras presupostadas en torno aos 80.000 euros, o Concello solicitará unha subvención á Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia.

O proxecto redactado polo Arquitecto Municipal afectará aos 29 postos da Praza que dan ao exterior, tanto os que dan á rúa Arcebispo Lago, como os da rúa Alexandre Bóveda, incluídos os da ala e o pavillón que non foron remodelados na actuación anterior por limitacións orzamentarias. Coas actuacións previstas preténdense mellorar o aspecto exterior e uniformar a imaxe comercial do conxunto, incidindo con elas no obxectivo principal de garantir a conservación da estrutura física do edificio protexido así como a súa funcionalidade. Para iso actuarase sobre os elementos accesorios que actualmente sofren un deterioro acusado e que ofrecen unha imaxe pouco atractiva.

Novos toldos e persianas de peche

As actuacións que terán unha maior repercusión á vista son a substitución das actuais persianas de peche dos postos por unhas novas proteccións metálicas enrolables iguais para todos os postos. Tamén se colocarán novos toldos de protección coa cor corporativa do Concello. De igual xeito, aproveitarase para renovar a imaxe da parte central da fachada principal que se repintará e rotulará cos logos de identidade corporativa da Praza de Abastos.

Máis vinilos nos ventanais opara atenuar a entrada da luz solar

O proxecto inclúe dúas actuacións máis. Unha, aínda que visible dende o exterior, ten incidencia sobre os postos de venta de peixe do interior da sala de Abastos. Trátase da instalacións de vinilos areados nos ventanais superiores das fachadas da rúa Alexandre Bóveda e García de Caamaño co obxectivo de mitigar a luz solar que penetra no edificio e que, en determinadas épocas do ano, provocaba molestias ás peixeiras. Esta medida vén a complementar a levada a cabo o pasado ano, cando xa se cubriran os vidros das tres entradas á sala de abastos (por García de Caamaño, Arcebispo Lago e Alexandre Bóveda), atendendo á petición dos vendedores.

A segunda das actuacións que se desenvolverán no interior da Praza a través deste novo proxecto de mellora que promove a Concellería de Mercados é o acondicionamento da cámara frigorífica do peixe coa reposición do solado e reparación dos acabados exteriores mediante paneis.

Achega municipal do 25%

Esta nova fase de modernización e mellora da Praza de Abastos requirirá dun investimento aproximado duns 80.000 euros. Para poder financiar a actuación, o Concello solicitará unha subvención á Consellería de Economía e Industria coa que se pretende cubrir o 75% do custe do proxecto xa que o Concello terá que aportar o 25% restante. A liña de axudas convocadas polo departamento autonómico ten como obxectivos “a adecuación e modernización dos equipamentos comerciais públicos, revitalización do comercio de proximidade e potenciación da rede galega de mercados de abastos excelentes”.

A concelleira de Mercados confía en que a resposta da administración autonómica sexa positiva e que a resolución sexa rápida a efectos de poder acometer esta obra coa maior celeridade “dada a necesidade de mellorar a imaxe exterior da Praza, que na actualidade deixa moito que desexar, e tamén pola repercusión positiva que a medida terá na dinamización comercial destes postos”.

Dadas as limitacións orzamentarias do Concello e das restantes administracións que impiden a execución de grandes proxectos, Llovo del Río comentou que o único xeito de seguir avanzando na modernización e mellora da praza de abastos é ir desenvolvendo actuacións modestas de xeito sucesivo ata completar a rehabilitación de todo o edificio. A concelleira salientou a importancia da nova actuación que se quere levar a cabo e que onte mesmo presentou aos vendedores da praza na reunión informativa que mantiveron a última hora da tarde.

Nesta xuntanza tamén se tocaron outros asuntos como a necesidade de organizar dun xeito máis eficaz as labores de carga e descarga que os vendedores realizan a diario a través da entrada ao edificio por García de Caamaño, así como das zonas de aparcamento existentes. Como se sabe, trátase dunha zona peonil á que os praceiros poden acceder cos seus vehículos para realizar as labores de descarga e carga dos productos que venden a diario, de aí a necesidade de seguir contando coa boa vontade dos vendedores a efectos de garantir a seguridade e a conservación da contorna. O concelleiro de Tráfico, Benito Pérez Dorgambide tamén asistiu á reunión de onte.

30 de maio de 2013 | 17:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.