O Concello recibe 16 propostas para a mellora dos Mallos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+

O Concello da Coruña recibiu un total de 16 propostas para o seu proxecto de pavimentación e impermeabilización da praza situada entre a avenida dos Mallos e a rúa Filipinas; e outras seis para a reparación de pasarelas peonís da cidade. Ambas as dúas obras enmárcanse dentro do plan de renovación e recuperación de espazos públicos e supoñen un investimento global que roza os 960.000 euros.

Seis empresas presentaron ofertas ao proxecto de rehabilitación de 16 pasarelas peonís repartidas por diferentes barrios da Coruña. O Concello sacou a concurso estas obras -cun presuposto máximo de 549.400,71 euros e un prazo de execución de 10 meses- que permitirán, entre outras actuacións, emendar danos no pavimento, nas estruturas metálicas e de formigón e todas aquelas deficiencias que se poidan detectar a maiores durante a execución dos traballos.

Con esta iniciativa, o Goberno municipal quere coidar e homoxeneizar a imaxe das pasarelas peonís, permitindo mellorar a estética destas instalacións tan utilizadas, pois favorecen a mobilidade e accesibilidade dos veciños e a comunicación entre rúas e barrios. Ademais colocaranse paneis de aluminio decorativos de varias cores, unha experiencia piloto na cidade que xa se probou con éxito no paso elevado de Alfonso Molina que comunica as estacións de trens e de buses.

As 16 pasarelas peonís que se inclúen neste proxecto do departamento de Infraestructuras son:

1. Entrada á autoestrada AP-9.
2. Saída da autoestrada AP-9.
3. Alfonso Molina, á altura de Palavea.
4. Alfonso Molina, á altura de Matogrande-Carrefour.
5. Alfonso Molina, á altura das fases I e II de Elviña.
6. Alfonso Molina, á altura dos Novos Xulgados.
7. Avenida de San Cristóbal: Barrio das Flores-Matogrande.
8. Avenida de San Cristóbal: Elviña-O Birloque.
9. Avenida da Pasaxe, á altura do CHUAC.
10. Avenida da Pasaxe, á altura do Hospital Materno Infantil.
11. Avenida da Pasaxe, á altura do colexio Santa María del Mar.
12. Casablanca-Os Castros.
13. Rolda de Outeiro, Na nosa Señora da Luz (Sagrada Familia).
14. Rolda de Nelle: Falperra.
15. Avenida de Arteixo, á altura do parque de Santa Margarita.
16. Avenida de Arteixo, na Sardiñeira.

OS MALLOS

Finalizado o prazo para a presentación de propostas, o Concello recibiu 16 ofertas para o proxecto da Concellaría de Infraestruturas de renovación da rúa Iberia e da praza situada entre a avenida Dos mallos e a rúa Filipinas. Neste caso, o investimento municipal alcanza os 409.827,86 euros. Cun período de execución máximo de cinco meses, as obras consistirán primeiro na desmontaxe, traslado e almacenaxe -para a súa posterior reutilización- da varanda situada na parte norte da praza. Segundo o proxecto técnico, a continuación procederase á demolición da bancada e do pavimento tanto da praza coma da rúa Iberia, garantindo en todo momento a seguridade dos peóns e habilitando pasos de tránsito para os veciños.

Antes de proceder aos labores de pavimentación e impermeabilización, repoñerase a rede de pluviais, dotarase desta naqueles puntos onde aínda non existe -como a rúa Iberia-, acometeranse traballos de drenaxe, colocaranse catro tubos para futuros servizos na rúa Iberia e procederase ao soterramento dun pequeno tendido aéreo. O proxecto tamén inclúe a recolocación da varanda retirada ao principio da obra e a instalación dun novo tramo na parte oeste da praza

7 de maio de 2013 | 18:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.