O Concello premia aos alumnos gañadores do I Concurso de microrrelatos da Semana das Letras Galegas 2013
A concelleira de Educación do Concello de Ourense, Ana Garrido entregou esta mañá os premios do I Concurso de microrelatos en liña para escolares, unha novidosa actividade organizada polo Concello con motivo da celebración da Semana das Letras Galegas 2013, dentro do programa educativo Días con Nome Propio.
Presentáronse un total de 32 microrrelatos escritos en galego por alumnos e alumnas de 4 centros de ensino da cidade: IES E. Blanco Amor, CPR Cardenal Cisneros, CEIP A Ponte e CEIP Mestre Vide
A temática do concurso era “Ollando aos nosos artistas”, ao que tamén está adicada a exposición de literatura infantil que durante estes días acolle o Museo Municipal, como acto final da Campaña de Animación á Lectura que realiza a Concellería de Educación. O xurado único deste certame foi o escritor ourensán Francisco Xosé Fernández Naval (Chisco).
OS DOUS GAÑADORES SON:
1. MODALIDADE DE EDUCACIÓN PRIMARIA: ” ADIVIÑAS QUEN SON?” escrito por Miguel Corcobado Pagán de 5º de Educación Primaria do CEIP Mestre Vide
Vou para 31 anos, aínda que son máis vello. Levo boina e teño chepa. Sempre estou cun cigarro na boca que nunca se apaga e, aínda que fumo moito, eu non padezo de nada.
Saín dunha idea: comunicarme a través do humor todos os días. Antes de nacer eu, viñeron ao mundo a Lela, Papalandrocas ,a Sabeliña e a Bolecha, pero hoxe só vivo eu.
Vivo de interpretar a vida para os demais; analizo as noticias, doulle unha versión humorística e a xente escacha de riso. O meu creador leva premios, pero a min non me dá ningún aínda que os leva grazas a min.
Adiviñades quen son? Douvos unha pista: hai moitos coma min entre a ramaxe das árbores das belotas
2. MODALIDADE DE EDUCACIÓN SECUNDARIA: “O LOBO NA XENTE” escrito por Álvaro González Leiro de 3º de ESO do IES E. Blanco Amor
Escuridade. Non vexo nada… recordo o punto branco na noite… e logo escuridade. Onde estou? Estou morto? Estou vivo? Non podo moverme. Aboio na escuridade. Será esta a miña besta? O lobo… O salvaxe instinto animal que en todos se atopa. Os nosos máis ocultos segredos… Pecados de avaricia, luxuria, envexa… Bestas no i nterior, lobos na xente. Desexos sinistros da sociedade, da mente colectiva. O que todos desexan e non realizan. O lobo… El non ten control, revela os nosos segredos. Realízaos. Toda a xente ten un lobo. A besta. O instinto. O desexo… Ten o control do corpo, desencadéao á noite. A ambición. O lobo na xente.
Todos os relatos presentados (previamente seleccionados polos profesores e profesoras que se inscribiron nesta actividade) están na páxina web da Concellería de Educación: http://www.educacionourense.com/microrrelatos