publicidade hoxe

O Concello pon en marcha a oitava zona de estacionamento de residentes en Pelamios

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalSantiago de Compostela
A-
A+

O concelleiro de Seguridade e Mobilidade, Luis Bello, acompañado da presidenta da Asociación de Veciños As Brañas de Andrés, Dolores Alende, da posta en marcha duna nova zona estacionamento para residentes. Será na zona de Pelamios, Salvadas e Vista Alegre. Os residentes e comerciantes poden xa solicitar as súas tarxetas a partir do luns 6 de maio. Esta nova zona verde, segundo Luis Bello, intenta “conxugar os intereses de veciños, comerciantes e demais usuarios desta parte da cidade”. Por iso, optouse por habilitar 37 prazas de aparcamento reservadas 24 horas para residentes, outras 149 reservadas para residentes de 21:00 a 9:00 horas (o resto do tempo son de estacionamento libre) e 132 que permanecerán libres. As rúas incluídas nesta zona son: Pelamios, Parque Xosé Mosquera, Castiñeiros, Costa Nova, Carvalho Calero, Vista Alegre e Salvadas.

Vaise proceder de inmediato ao pintado das zonas de estacionamento e xa dende o luns 6 de maio os veciños e comerciantes poden solicitar as súas tarxetas. Neste sentido, o concelleiro lembrou o requisito de empadroamento e de domiciliación en Santiago do imposto de circulación, e a posibilidade máxima de tres tarxetas por domicilio. Os comerciantes poden dispor de tarxeta para un máximo de dous vehículos e sempre para o período comprendido entre as 9:00 e as 21:00 horas.

Despois de Pelamios, a seguinte zona na que se está traballando para habilitar zonas verdes é de Choupana e Santa Marta. A de Pelamios é a oitava zona de estacionamento para residentes coa que conta a cidade. Na actualidade están funcionando as seguintes: Pontepedriña (501 tarxetas), Vite-Guadalupe (1.021), San Pedro (2.242), A Amáciga (665), Ultreia (303), Sar (254) e San Lourenzo (108).

3 de maio de 2013 | 20:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.