publicidade hoxe

O Concello pon á disposición dos veciños de Seixalbo un novo centro cívico

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOurense
A-
A+

O alcalde de Ourense, Agustín Fernández, inaugurará esta tarde (19:30 horas) o novo Centro Cívico construido polo Concello en Seixalbo, o sexto da rede de centros cívicos posta en marcha polo Concello de Ourense nos diferentes barrios da cidade durante os últimos 4 anos (xunto cos de Colón-Casco Vello, Ceboliño, A Cuña, A Ponte e As Termas).

O centro, sito na rúa Estreita, número 1, abrirá de luns a venres de 10:00 a 13:00 e de 16:30 a 20:00 horas, e os sábados de 10:00 a 13:00 horas, e acollerá tanto as actividades organizadas polo Concello como tamén as promovidas polos propios veciños e asociacións da zona.

As obras consistiron na rehabilitación dun edificio centenario co obxectivo de convertelo no novo punto de encontro para tódolos veciños desta localidade ourensá, un espazo aberto á cidadanía ó que poderán acudir maiores, mozos e nenos. Nel poderanse desenvolver obradoiros, cursos, charlas ou conferencias, facer uso da rede informática, ler e disfrutar do tempo de lecer, contando tamén cun espazo para os cativos. As obras supuxeron un investimento total de 346.876,09 euros. O inmoble fora adquirido previamente polo Concello por un importe de 90.000 euros.

Rehabilitación dun edificio centenario

O edificio orixinal de pedra de 1850 era unha vivenda de dúas plantas de tipoloxía rural que sufriu unha ampliación en 1935, a raíz da cal engadiu outras tres planas. O proxecto de rehabilitación, asinados polos arquitectos María Jesús Ruiz Alonso e Roberto González Fernández, apoiouse en 3 premisas básicas: manter no edificio aqueles elementos que marcan a súa singulariedade desde o punto de vista arquitectónico, como son os solados de terrazo e a composición da fachada, levar a cabo as reformas necesarias para converter o uso orixinal de vivenda no uso actual de destino de pública concurrencia, e reformar e reforzar a estructura orixinal.

Neste proceso resultou fundamental a reforma da estrutura, ejecutando unha nova. Tras eliminar os muros centrais, inicialmente de carga, conseguiuse crear espazos diáfanos que se articulan mediante a instalación de tabiques móviles que permiten dispoñer dun ou dous espazos diferenciados en cada planta de uso público.

Respóndese así á necesidade do novo uso do inmoble como centro cívico, creando espazos flexibles e abertos acordes ás novas necesidades. Un tabique de vidro transparente proporciona luz e profundidade á area da escaleira e un ascensor facilita o acceso.

Máis de 375 metros cadrados de uso público

Así o edificio rehabilitado ten un aforo total de 100 persoas. A superficie construida é de 526,92 m2, dos que son útiles 375,24, distribuidos en:

Planta baixa: Sala de exposicións e recepción (68,30 m2)

Planta primeira: Sala de xogos e Sala infantil (66,11 m2)

Planta segunda: dúas salas de usos múltiples convertibles nunha (71,11 m2)

Planta terceira: Sala de ordenadores e sala de actividades como seminarios ou clases, susceptibles de usarse xuntas ou separadas (66,20 m2)

Planta cuarta: Sala de reunións e terraza (60,36 m2)

Planta quinta, con terraza accesible únicamente a efectos de mantemento

Sexto centro cívico municipal

Este novo equipamento ven ampliar a Rede de Centros Cívicos que o Concello está a poñer en marcha nos últimos 4 anos en diferentes barrios da cidade, formada xa por 5 equipamentos: rúa Colón-Casco Vello (inaugurado en outubro de 2008), Ceboliño (agosto de 2010), A Cuña (novembro de 2010), A Ponte (marzo 2011) e As Termas (marzo 2011).

23 de maio de 2013 | 16:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.