O Concello pon 11 novas vivendas municipais a disposición das familias con menos recursos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+
Xunta de Goberno

Xunta de Goberno

A Xunta de Goberno aprobou esta mañá poñer outras 11 vivendas de titularidade municipal a disposición das familias con menos recursos económicos a través dunha convocatoria pública. Como xa aconteceu en 2012, o Concello abrirá un prazo para que as persoas interesadas poidan optar a unha destas casas en réxime de aluguer. Na sesión de hoxe deuse luz verde a dous novos proxectos que evidencian a aposta municipal por coidar e protexer o patrimonio histórico: a revitalización das murallas do antigo Hospital Militar e dos xardíns da Mestranza, e o plan de recuperación da Fonte dos Frades. A maiores, adxudicouse o préstamo de 11,45 millóns recollido no presuposto de 2013 para a execución de obras estratéxicas que mellorarán a imaxe dos espazos públicos.

VIVENDAS SOCIAIS

Por proposta do servizo de Vivenda e Rehabilitación, dependente da área que dirixe Martín Fernández Prado, o Concello da Coruña sacará a concurso público a posibilidade de que as familias con menos recursos poidan optar a 11 pisos de titularidade municipal no Grupo Virxe do Carmen, en Labañou. En 2012, o Goberno local xa adxudicou vivendas que se encontraban baleiras noutros puntos da cidade.

O Concello optou por unha convocatoria pública para solicitar en réxime de aluguer vivendas municipais que se encontran baleiras e ofrecer así maior transparencia e igualdade de oportunidades ás persoas interesadas. Os pisos estarán a disposición dos cidadáns que máis o necesitan. O Goberno local abrirá un prazo dun mes, dende a súa publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOP), para presentar as solicitudes. Os criterios establecidos, como no concurso público do ano pasado, garanten que as vivendas serán ocupadas por familias que, doutro xeito, terían serias dificultades para acceder a un piso en aluguer:

– Acreditar ingresos anuais mínimos de 0,7 veces o IPREM e máximos ponderados de 2 veces o IPREM, unha ponderación que se efectuará en función dos membros da unidade familiar.

– Estar inscrito no Rexistro de Demandantes de Vivendas de Promoción Pública.

– Non ter vivenda en propiedade.

– Estar empadroado no municipio da Coruña cunha antigüidade mínima de 5 anos.

Fernández Prado destacou que a gran novidade desta convocatoria é que poderán acceder a estes pisos persoas que se encontran inmersas en procedementos de desafiuzamento. O departamento de Medio, Territorio e Infraestruturas pretende con este proxecto optimizar os recursos municipais e, ao mesmo tempo, poñelos a disposición das persoas que máis o necesitan. Así, as rendas polo aluguer axustaranse á situación das familias. Ademais, ratifica o compromiso adquirido polo alcalde, Carlos Negreira, de que os coruñeses con menos posibilidades económicas teñan a oportunidade de acceder ás vivendas de titularidade municipal que o actual equipo de goberno encontrou baleiras tras realizar un inventario exhaustivo por toda a cidade.

O prezo do arrendamento situarase entre os 100 e os 180 euros ao mes. Será o 3% da valoración da vivenda, máis o incremento correspondente ao IPC anual; se ben a porcentaxe pode baixar ata o 1,2% para as persoas con menos recursos. Á hora de adxudicar os pisos téñense en conta o número de persoas da familia e a superficie das vivendas.

Os contratos de arrendamento terán un ano de duración, prorrogable cada doce meses ata os cinco anos. Transcorrido este prazo, os inquilinos deberán acreditar que seguen cumprindo as condicións que lles deron dereito á vivenda para optar a novas prórrogas anuais.

REHABILITACIÓN DE MURALLAS

Fernández Prado explicou tamén que a Xunta de Goberno aprobou o proxecto de revitalización do ámbito da muralla do Hospital Militar e os xardíns da Mestranza. A proposta, que se enmarca dentro do Plan de Murallas, incorpora unha serie de actuacións que van máis alá da recuperación do baluarte defensivo e que permitirán enxalzar o patrimonio histórico da Cidade Alta, catalogado como Ben de Interese Cultural (BIC):

– Iluminación do perímetro do hospital Abente e Lago e da Fundación Luis Seoane; e substitución da rede de iluminación pública dos xardíns da Mestranza.

– Obras de urbanización, coa colocación de chans de madeira e reparación de tramos de lastra.

– Pintado e reparación de varandas dos xardíns, así como instalación de bancos e papeleiras.

– Colocación de paneis informativos.

– Eliminación de elementos discordantes na zona do paseo marítimo.

Fernández Prado destacou que o novo proxecto municipal se executará sempre baixo o visto e prace da Dirección Xeral de Patrimonio e conta cun presuposto de 399.785 euros e un prazo de execución de tres meses. O concelleiro defendeu que os plans de revitalización do ámbito da muralla do antigo Hospital Militar e os xardíns da Mestranza forman parte da aposta do actual equipo de goberno pola recuperación do patrimonio histórico-artístico da cidade, ademais de impulsar o seu coñecemento entre os coruñeses e de converterse nun polo de atracción turístico.

FONTE DOS FRADES

O tenente de alcalde recordou que nesta mesma liña de revitalización dos restos arqueolóxicos da cidade se encontra un segundo acordo da Xunta de Goberno Local. Tal e como se informou esta mesma semana, modificouse o plan parcial de San Pedro de Visma para garantir a conservación in situ da Fonte dos Frades, axustándose así ás directrices de Patrimonio.

A modificación puntual no plan parcial do Sector 2 San Pedro de Visma consiste en cualificar, como sistema local de espazos libres de titularidade pública, unha parcela de 504 metros cadrados que estaba recollida para uso residencial, pero na que se encontra este manancial que abasteceu de auga a cidade durante case dous séculos -de 1722 a 1902-.

Con este acordo, o Concello pode catalogar e protexer este monumento, ao tempo que logra desbloquear a tramitación dun proxecto que arrancou en 2002 e responder ás propostas dos residentes no barrio de Visma. A protección da Fonte dos Frades incluirá a creación dun espazo verde, o que mellorará a adaptación do monumento ao ámbito e contribuirá a aumentar a calidade de vida dos veciños, que contarán cunha zona de esparexemento.

NOVOS INVESTIMENTOS

O tenente de alcalde de Facenda e Administración Pública, Rosa Galego, anunciou a adxudicación dun préstamo de 11,45 millóns de euros, cun prazo de amortización en cotas trimestrais de 10 anos -máis dúas iniciais de carencia-. O expediente conta co visto e prace da Xunta e dos servizos económicos e xurídicos municipais.

A adxudicación realizouse entre tres entidades bancarias, pois son as ofertas máis vantaxosas para o Concello. En concreto, o tenente de alcalde de Facenda e Administración Pública, Rosa Galego, explicou que se trata de:

– BBVA (6 millóns de euros).

– CaixaBank (5 millóns de euros).

– Banco Santander (450.000 euros).

Nos tres casos, o tipo de referencia é euribor a tres meses e un diferencial do 4,85% na oferta do BBVA, do 4,84% en CaixaBank e do 4,95% no Banco Santander. O tenente de alcalde aclarou que, das ofertas presentadas, as dúas mellores eran as de BBVA e CaixaBank, e que por este motivo se lles adxudicou o préstamo polo importe máximo que ofreceran.

Galego defendeu que o Concello garante con este esforzo investidor a execución do seu plan de recuperación e modernización de espazos públicos, pois o 43% do préstamo se destinará a esta finalidade. En concreto, supéranse os 4,9 millóns de euros para proxectos estratéxicos, como o vial subterráneo do Parrote, que permitirá liberar do centro da cidade 40.000 vehículos diarios e recuperar 52.000 metros cadrados para uso e desfrute dos cidadáns. O Concello solicitou este préstamo para a execución de novos investimentos, sen que este acordo implique un aumento da débeda municipal ao final do exercicio.

Estes ochos proxectos do plan de recuperación e modernización de espazos públicos forman parte dun ambicioso programa de actuacións que terán continuidade nos próximos anos. Aos preto de 5 millóns de euros recollidos no préstamo para estas actuacións, súmanse outros proxectos deste equipo de goberno para a protección do patrimonio, o fomento do deporte base e a mellora da calidade de vida dos veciños a través de programas sociais:

– Primeira fase do plan director de murallas (400.000 euros).

– Equipamento do centro Boandanza dentro do proxecto Urbana C (235.000 euros).

– Construción de dúas pistas polideportivas (270.429 euros).

– Rehabilitación da cuberta do estadio de Riazor (250.000 euros).

– Obras de reparación da estación de autobuses (287.963 euros) e do tranvía turístico (275.000 euros).

Galego explicou que o préstamo garante a execución de novos proxectos que permiten a modernización dos barrios e a xeración de emprego e de actividade económica. A responsable municipal de Facenda e Administración Pública tamén recordou que, xunto ao plan de recuperación e modernización de espazos públicos, a outra gran cantidade deste préstamo é para unha partida de 2.474.523 euros para resolucións e sentenzas de asuntos urbanísticos vinculados á xestión realizada polos gobernos socialistas durante 28 anos.

Esta cantidade, que supón o 21,6% do importe final deste crédito, xa estaba prevista no presuposto municipal de 2013 e, polo tanto, se enmarca dentro dunha partida xenérica de máis de 4,6 millóns de euros para o pagamento de indemnizacións.

LICENZAS URBANÍSTICAS

A Xunta de Goberno aprobou a concesión de licenzas urbanísticas que supoñerán un investimento na cidade de 2,3 millóns de euros, o que eleva a cantidade dende o inicio do mandato ata os 227,97 millóns -só nas sesións celebradas este ano supéranse os 53 millóns-. Entre os expedientes tramitados, destaca a autorización para instalar ascensores en catro inmobles (nas rúas Barcelona e Noia e dous na rúa San Vicente). Na sesión celebrada esta mañá tamén deuse o visto e prace a unha subvención de 80.786 euros para a reforma dun inmoble de 9 pisos da rúa Cangas de Morrazo, é dicir, situado dentro da Área de Rehabilitación Integral (ARI) Dos mariñeiros.

COLEXIO MONTEL TOUZET

A Xunta de Goberno Local tamén acordou a cesión 11,67 metros cadrados de chan do sistema de rede viaria para permitir á Xunta a instalación dunha rampla e unha plataforma horizontal que mellorará o acceso ao Centro de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Montel Touzet. A este acordo súmaselle tamén a concesión da licenza para a instalación dun ascensor neste colexio da rúa Ferrarías, no Casco Histórico da cidade.

3 de maio de 2013 | 18:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.