publicidade hoxe

O concello planifica os espazos de ocio do ámbito da Veracruz

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalO Carballiño
A-
A+

A obra do ámbito da Veracruz está xa practicamente finalizada, quedando na actualidade para o seu remate o axardinado da zona, onde xa se plantou o cesped. O alcalde do Carballiño, xunto cos edís de Obras e o de Medio, estiveron a visitar a obra, que seguiron practicamente a diario dende o seu inicio, co obxectivo de planificar algunhas zonas de ocio deste ámbito.

A atención centrouse sobre todo na zona sur desta praza, onde pretenden situar un parque infantil, dotado de varios elementos de xogo, así como un parque biosaludable para as persoas maiores. A zona infantil situaríase no triángulo que quedará entre a rúa Evaristo Vaamonde, a nova rúa de Antonio Palacios, e as edificacións da zona. A intención dos mandatarios municipais é pechar perimetralmente este parque infantil, ofrecendo seguridade para os nenos e sen levantar elementos que limiten a visibilidade do templo.

O parque biosaludable situarase xusto enriba do infantil, máis próximo á rúa Florentino Cuevillas, onde tamén se plantarán árbores para dar cobertura aos usuarios destas instalacións.

O arquitecto municipal realizou xa o proxecto destas dúas zonas, e foi enviado a Patrimonio, xa que son eles os que deben dar o visto e prace final a estes, ao estar situado nunha zona de BIC. Na elaboración do proxecto coidouse usar materiais que se adecúen coa actual fisionomía do ámbito, e sen colocar elementos que poidan restar a visibilidade da obra de Antonio Palacios.

No concello esperan recibir nos próximos días a contestación de Patrimonio para, en caso de ser favorable, iniciar xa este proxecto.

24 de maio de 2013 | 17:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.