O Concello participa na organización de cursos sobre adestramento canino dirixidos a veterinarios e donos de cans
O concelleiro de Medio, Enrique Salvador, acompañado polos presidentes de Cancoruña e do Colexio Ibérico de Etólogos, Luis Pérez e Javier Astorga, respectivamente, presentaron esta mañá os cursos sobre adestramento de cans, que se impartirán na cidade durante os próximos dous fins de semana.
A Concellaría de Medio colabora con Cancoruña na celebración destes cursos sobre adestramento e educación de cans. As charlas e as clases prácticas serán impartidas por expertos e diríxense, de xeito independente, aos propietarios dos animais e a veterinarios e universitarios que cursen esta especialidade.
“É importante destacar que nestes encontros participarán especialistas en comportamento canino cun gran recoñecemento tanto a nivel español como internacional. É unha oportunidade para A Coruña celebrar estas xornadas porque nunca antes en Galicia tiveramos a posibilidade de contar con profesionais deste nivel”, subliñou Enrique Salvador.
O temario das xornadas, tanto para veterinarios coma para público en xeral, permitirá dar resposta ás consultas máis frecuentes e ás incidencias que causan máis problemas no comportamento dos cans. Así, analizarase o cambio de conduta en animais adultos e as posibilidades que existen para modificar as súas fobias, así como a celebración de sesións de socialización.
O departamento municipal que dirixe Enrique Salvador e Cancoruña ofertarán cursos para os donos de cans que estean interesados en aprender técnicas de adestramento. O centro cívico Dos mallos acollerá o próximo domingo, 19 de maio, entre as 10.00 e as 13.30 horas, as conferencias de tres especialistas: Marta Amat Grau, responsable do Servizo de Etoloxía Clínica do Hospital Clínico Veterinario da Universidade Autónoma de Barcelona (UAB); Javier Astorga Hervás, presidente do Colexio Ibérico de Etólogos; e Ángela González Martínez, responsable do Servizo de Etoloxía no Hospital Veterinario Rof Codina.
Os propietarios dos cans tamén poderán apuntarse ao IX Curso de Adestramento e Educación Canina. Os adestradores Gabriella Tami, Sergio Tejedor e Octavio Villazala estarán no centro cívico Dos mallos o 25 de maio, de 10.00 a 13.30 horas, e, ao día seguinte, no Coliseum, onde se ofrecerá unha clase práctica de 10.00 a 11.30 horas.
A asociación Cancoruña, coa colaboración do Concello, tamén prepara xornadas específicas para veterinarios e alumnos. As II Xornadas de Medicina do Comportamento serán no centro cívico Dos mallos o próximo sábado,
18 de maio, de 16.30 a 20.30 horas. Ademais de Marta Amat, Javier Astorga e Ángela González, participará Xavier Manteca, responsable do Servizo de Etoloxía da UAB.
Unha das grandes novidades é que, ao igual que cos donos de cans, se ofrecerá a veterinarios e universitarios un seminario sobre adestramento canino. Os expertos Gabriella Tami, Sergio Tejedor e Octavio Villazala impartirán unha clase teórica no centro cívico Dos mallos o día 25 de maio, de 16.30 a 20.30 horas; e outra práctica no Coliseum, o 26 de maio, entre as 12.00 e as 14.00 horas.
Todas as persoas interesadas en asistir a estes cursos ou que desexen máis información poden acceder ás páxinas webs www.cancorunavet.jimdo.com (dirixida a veterinarios) e www.cancoruna.jimdo.com (dirixida ao público en xeral). Para realizar calquera consulta, habilítase un teléfono de atención, no número 660 750 830.











