O Concello ofrecerá nos centros cívicos 10.000 horas ao ano de actividades de ocio e animación sociocultural
O Concello, por proposta da Concellaría de Servizos Sociais, sacou a concurso a contratación das actividades de ocio comunitario e animación sociocultural que se desenvolverán nos centros cívicos municipais. O departamento que dirixe Miguel Lorenzo ofertará un mínimo de 10.000 horas.
O Goberno local reserva 200.000 euros anuais para este servizo, que licita por doce meses e coa posibilidade de prorrogalo por outro ano máis. Con esta iniciativa, o obxectivo é favorecer a dinamización social e o desenvolvemento de accións específicas de prevención para grupos determinados (público infantil, xuvenil ou maiores) que asisten ou están en contacto cos centros cívicos municipais, fomentar a participación activa dos cidadáns e detectar demandas. O Concello busca sobre todo identificar grupos de poboación e persoas socialmente vulnerables, en situacións en risco ou desprotección.
Para a celebración de polo menos 10.000 horas de actividades nos centros cívicos, que se desenvolverán de luns a sábado, Servizos Sociais contará con profesionais con experiencia. Como mínimo, ofreceranse catro horas diarias de actividades en cada centro cívico.