O Concello mellorará a iluminación e a seguridade nos túneles das prazas de Pontevedra e María Pita
O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, avanzou esta mañá que o Concello ultima a redacción de dous proxectos para a modernización da imaxe dos túneles de María Pita e da praza de Pontevedra, o que supoñerá non só unha mellora integral de dous puntos de grande intensidade de tráfico, senón tamén aforrar en labores posteriores de mantemento.
A proposta que elabora o departamento municipal de Infraestructuras recolle a modernización das instalacións e a mellora da iluminación, adaptándoas á normativa vixente, o que redundará nunha maior eficiencia e aforro enerxético nos túneles de María Pita e a praza de Pontevedra. “Todos os coruñeses somos conscientes da mala imaxe e a sucidade que acumulan estes túneles, da súa redución de visibilidade, da mala iluminación e das deficiencias nas instalacións eléctricas e na seguridade”; indicou Carlos Negreira.
O túnel de María Pita, que atravesa a praza e une a zona da Mariña e do avido Alférez Provisional con Atocha e Orillamar, conta con dous carrís (un para cada sentido da circulación) e a súa lonxitude é de 265 metros. No caso do túnel da praza de Pontevedra, conecta Juana de Vega con esta céntrica praza coruñesa e coa rúa Regidor Somoza. Neste caso, é tamén de dous carrís, pero unidireccional, e a súa lonxitude alcanza os 246 metros.
A previsión do Goberno local é rematar a redacción dos dous proxectos no mes de xuño e iniciar a execución das obras en 2014, se ben no caso do túnel de María Pita os prazos se axustarán ao plan de obra do Parrote e a Mariña, pois o obxectivo é desenvolver de xeito conxunta todas estas actuacións que darán unha nova imaxe ao centro da cidade.
Convertemos o burato negro e unha formulación que incluía só un aparcadoiro nunha oportunidade para xerar unha das maiores plataformas para os cidadáns, máis de 50.000 metros cadrados de espazos públicos gañados para os cidadáns e que tamén permitirán a celebración de eventos lúdicos e culturais,” destacou o alcalde coruñés.
ALVEDRO
O alcalde tamén destacou o esforzo realizado nestes dous anos de goberno na Coruña para lograr a “consolidación” de Alvedro, que cumpre o seu 50 aniversario. Carlos Negreira indicou que o aeroporto conta cun “proxecto propio” e con “boas perspectivas”, pois na partir de setembro dispoñerá de 10 frecuencias diarias de ida e volta a Madrid, a mellor que se ofrecerá na comunidade galega.
O alcalde defendeu a necesidade de traballar no comité de rutas cunha “actitude construtiva” para ofrecer mellores servizos aos cidadáns. “Temos que traballar, nunca en contra de ninguén, senón a favor de todos. Trátase de dar a mellor calidade posible, ofrecer voos a prezos alcanzables”, explicou Negreira, quen avogou polo diálogo e a coordinación aeroportuaria: “Podemos facer moitos espaventos e elevar a voz, pero se non conseguimos voos haberá avións en Alvedro. Prefiro ter avións en Alvedro que facer espaventos e berrar”.