publicidade hoxe

O Concello inviste 330.000 euros en dous programas para a formación e inserción laboral de desempregados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+
Instante da Xunta de Goberno

Instante da Xunta de Goberno

O voceiro municipal, Julio Flores, informou que a Xunta de Goberno Local aprobou o desenvolvemento de dous proxectos para a formación e inserción laboral de persoas desempregadas e nos que se investirán 330.000 euros. Ademais, concedéronse as licenzas de obra e de apertura de actividade do aparcadoiro público Das conchiñas; e autorizouse a contratación de melloras de accesibilidade dentro do plan Urbana C. Entre os asuntos máis destacados, tamén se tomou coñecemento do auto do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que desestima o recurso presentado no que se solicitaba o derrubamento do edificio Fenosa e mantén a imposibilidade material de executar o fallo xudicial que ordenaba a demolición do inmoble.

FORMACIÓN E ORIENTACIÓN LABORAL

A Xunta de Goberno Local aprobou o inicio do programa Puesto a Puesto 2013-2014, cun investimento de 270.732 euros, en colaboración coa Consellería de Traballo e Benestar, que permitirá a formación de 120 persoas. Este programa municipal diríxese, sobre todo, a desempregados e desempregadas menores de 30 anos e a mulleres, con especial atención ás vítimas de violencia de xénero.

Unha análise do tecido empresarial da cidade concluíu que o proxecto debe centrarse sobre todo en persoas sen titulación obrigatoria e demandantes de emprego no campo da loxística e o transporte, o comercio, a hostalaría ou aquelas persoas que queren poñer en marcha o seu propio negocio. O obxectivo é conseguir que polo menos o 50% dos alumnos logre a súa inserción laboral, porcentaxe mínima que fixa a Xunta para este programa.

Por outro lado, aprobouse un segundo proxecto en materia de emprego, cun investimento de 60.000 euros, para a contratación dun equipo de orientación laboral formado por tres técnicos. Flores destacou que en 2012 se efectuaron 395 entrevistas individuais, un asesoramento laboral que concluíu coa realización de 104 itinerarios personalizados.

Estes itinerarios compleméntanse co programa integrado para a inserción laboral de mulleres; os plans de subvención da Xunta para a contratación temporal de desempregados; os axentes de desenvolvemento local; e as axudas do Fondo Social Europeo para o acceso ao mercado laboral de persoas sen emprego. A estas accións súmanse os talleres de emprego para o mantemento de xardíns e zonas verdes e a realización de módulos de sensibilización ambiental e de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres.

APARCADOIRO DAS CONCHIÑAS

A Xunta de Goberno deu o visto e prace ás licenzas de obra e de apertura de actividade do aparcadoiro público Das conchiñas, un proxecto que ademais permitirá a reurbanización do ámbito.

Cun investimento de 2,2 millóns de euros, o novo aparcadoiro poñerá a disposición dos veciños un total de 185 prazas -das que 12 se reservan para persoas con mobilidade reducida-: 114 en réxime de rotación e 71 en réxime de concesión a 50 anos, se ben o número de prazas en concesión se poderá readaptar en función da demanda final de veciños e comerciantes. O párking terá a súa entrada e saída na avenida Das conchiñas, aínda que se realizará un cambio de sentido dun tramo da rúa Entrepeñas para acceder ás principais vías do ámbito: rolda de Outeiro, rolda de Nelle e avenida de Finisterre.

O proxecto inclúe a revitalización da praza Das conchiñas como centro de referencia do barrio, coa ampliación da zona de xogos infantís e a proxección dunha nova fachada cara á praza, o que favorecerá a integración do mercado no barrio e a mellora dos seus accesos.

EDIFICIO FENOSA

A Xunta de Goberno tomou coñecemento do auto do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que desestima o recurso presentado no que se solicitaba o derrubamento do edificio Fenosa e mantén a imposibilidade material de executar o fallo xudicial que ordenaba a demolición do inmoble.

Flores destacou que a resolución é consecuencia do traballo realizado polos servizos xurídicos e técnicos do Concello e ao cambio de estratexia impulsado polo actual equipo de goberno. “Os responsables de haber judicializado o urbanismo desta cidade seguen sen pedir perdón e algúns deles seguen aferrados aos seus cargos políticos. De momento, os concelleiros socialistas non lograron que os coruñeses paguen os pratos rotos das desfeitas urbanísticas levadas a cabo cando gobernaban, indicou.

O Executivo municipal propuxo en xuño de 2012 un incidente de inejecución de sentenza por concorrer causas de imposibilidade material, fronte ao argumento formulado por anteriores gobernos locais, desestimado polo TSXG, de que a sentenza xa estaba executada ao ter obtido o edificio licenzas posteriores conforme ao Plan Xeral de 1998. O TSXG estima a nova proposta do Concello e o tribunal conclúe que a execución da sentenza de 2001 sería desproporcionada en relación ás infraccións cometidas. “Esta sentenza supón un cambio de rumbo neste longo proceso xudicial e permite evitar un dano económico irreparable a todos os coruñeses”, afirmou o concelleiro.

O voceiro sinalou que un grupo de traballo formado por 20 persoas de diferentes áreas do Concello (Urbanismo, Asesoría Xurídica e Secretaría Xeral) está a realizar a intensa tarefa de afrontar máis de 70 preitos urbanísticos herdados da xestión de anteriores gobernos. “Este grupo xa está traballando coa mesma metodoloxía no preito de San Amaro -que conta cunha sentenza favorable-, no do Polígono de Náutica, no de Someso e agora tamén no de San Roque de Afuera.

SERVIZOS SOCIAIS

A Xunta de Goberno autorizou a firma dun convenio de colaboración coa Fundación Adcor por importe de 61.000 euros, dentro dos programas municipais de promoción e reinserción social. O investimento contribuirá ao desenvolvemento do plan de formación para o emprego e o tránsito á vida adulta que desenvolve esta entidade con persoas con minusvalidez intelectual.

O Concello colabora así coa Fundación Adcor en diferentes talleres que favorecen a autonomía persoal e social dos alumnos. Trátase sobre todo de cursos relacionados coa artesanía e as manualidades (coiro, encadernación, papelaría ou talleres complementarios como elaboración de caixas e alfombras) que se impartirán de luns a venres, en horario de 09.00 a 17.00 horas. Ademais, completarase cun servizo de comedor de 14.00 a 15.30 horas.

POLICÍA LOCAL

Flores informou esta mañá da concesión das Medallas ao Mérito Policial do Concello a tres oficiais e oito axentes do 092, así como o nomeamento de Funcionarios Honoríficos a catro membros do Corpo da Policía Local que cesaron no servizo no ano 2012 por xubilación, incapacidade ou falecemento. Estas distincións realízanse por destacar con notoriedade e perseveranza no cumprimento dos seus deberes. O tenente de alcalde agradeceu o esforzo e dedicación dos 15 policías, que serán homenaxeados con motivo do día de María Auxiliadora, patroa da Policía Local.

URBANA C

A Xunta de Goberno aprobou o expediente de contratación para as melloras de accesibilidade dentro do plan Urbana C, cun prazo de execución de seis meses e un presuposto de licitación de 414.836 euros, para a mellora de beirarrúas e espazos públicos no Agra del Orzán, ou Ventorrillo, Riazor e San Pedro de Visma. “Se trata de 90 actuacións nestes barrios que se suman” ás 260 obras xa iniciadas na primeira fase do Plan de Accesibilidade” “no Casco Histórico e en Peixaría”, indicou Flores.

SUBMINISTRACIÓN ELÉCTRICA

Tamén se aprobaron dous proxectos para a redución do consumo eléctrico e a optimización dos recursos municipais. Así, autorizouse a licitación, mediante procedemento aberto en ambos os dous casos, da mellora da eficiencia enerxética na rede de iluminación pública da cidade, cun prazo de execución de seis meses e o obxectivo de aforrar case 300.000 euros ao ano, así como do contrato de subministración de enerxía eléctrica en baixa e media tensión.

No primeiro caso, resérvanse 1.646.102,97 euros para a adopción de medidas correctoras, modernización, instalación de equipos e sistemas de telexestión nos centros de mando da rede de iluminación pública da cidade. A cidade arrastra dende hai anos un claro déficit no control do consumo enerxético e na utilización de equipos tecnolóxicos axeitados, polo que esta iniciativa permitirá poñer fin a numerosas deficiencias existentes. “Anteriores gobernos coñecían os problemas que había na rede de iluminación pública e non tomaron ningunha medida correctora. O resultado é que na actualidade se producen 8.000 incidencias e avarías cada ano na rede de iluminación da cidade e, en consecuencia, é necesario tomarse en serio este servizo público”, afirmou Flores.

Por último, tamén se aprobou a contratación da subministración de enerxía eléctrica en baixa e media tensión para un ano, prorrogable un ano máis, cun presuposto de licitación de 6,3 millóns de euros.

16 de maio de 2013 | 13:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.