O Concello inicia os traballos de pavimentación na rúa Fonseca a próxima semana
O Concello da Coruña, a través da área de Infraestruturas que dirixe Martín Fernández Prado, informa de que a partir do luns, 3 de xuño, comezarán as obras de mellora de pavimentación na rúa Fonseca, que supoñerán a reposición de case 500 metros cadrados de lousa de pedra. Trátase dunha actuación que se inclúe dentro dos traballos de mantemento, conservación e reparación dos pavimentos de beirarrúas e áreas peonís da cidade dentro do compromiso do Goberno local de modernizar e manter as rúas da cidade.
A actuación, que conta cun presuposto de 149.355 euros, inclúe a demolición do pavimento de terrazo existente e a súa reposición con 360 metros cadrados de lousa de pedra de 60 x 40 x 15 centímetros no interior das beirarrúas e 110 metros cadrados de lousa de pedra de 60 x 40 x 30 no seu perímetro. Ademais, realizaranse traballos de canalización que afectarán a 143 metros da rede municipal; actuarase na rede de pluviais, nas baixantes de pluviais e colocaranse arquetas. A actuación completarase co pintado de pasos de peóns, illotes, frechas e símbolos. Os traballos contan cun prazo de execución de seis semanas.











