O Concello informa de cambios provisionais na circulación por obras en diferentes puntos da cidade
A Concellaría de Tráfico, Mobilidade e Uso e Utilización do Dominio Público informa dos cambios que, de xeito provisional, se producen na circulación en diferentes puntos da cidade.
– Con motivo de obras de canalización da rede de alta tensión na rúa Sebastián Martínez Risco é preciso ocupar o carril dereito -en sentido glorieta de Matogrande-, as zonas de estacionamento á altura da residencia da terceira idade e o aparcadoiro do colexio Liceo dende o paso de peóns ata a entrada lateral do párking deste centro educativo. Dende o paso de peóns ata a avenida de Camilo José Cela manteranse os dous sentidos de circulación e as zonas de estacionamento para facilitar a entrada e saída dos autobuses escolares. Dende a entrada superior ao aparcadoiro do colexio ata a glorieta manterase un único sentido de circulación. En sentido contrario, desviarase o tráfico cara á rúa Luis Quintás Goyanes. As obras empezan hoxe, luns 27 de maio, e durarán tres semanas.
– Debido ás obras de canalización da rede de alta tensión na rúa Enrique Mariñas, á altura do Hotel AC, é necesaria a ocupación dos dous carrís de circulación, eliminándose o aparcadoiro lateral en sentido avenida de Alfonso Molina para desviar o tráfico pola zona do párking. En canto á circulación de vehículos en sentido entrada a Matogrande, será desviada pola zona de aparcadoiro central, manténdose o estacionamento da marxe dereita. As obras inícianse hoxe, luns 27 de maio, e cunha duración estimada de tres semanas.