O Concello informa de cambios provisionais na circulación por obras en diferentes puntos da cidade
A Concellaría de Tráfico, Mobilidade e Uso e Utilización do Dominio Público informa dos cambios que, de xeito provisional, se producirán na circulación da cidade a partir do próximo luns, 20 de maio.
A reparación de rede de sumidoiros á altura do número 119 da rolda de Nelle requirirá a ocupación dos carrís esquerdos en ambos os dous sentidos de circulación, quedando libre un carril para cada dirección. Os traballos iniciaranse o luns, 20 de maio, e a duración estimada será ata o mércores, día 22.
A canalización da rede de Unión Fenosa na rúa Salvador de Madariaga, á altura da parada de bus e da intersección coa rúa Tulipanes, comezará o luns, 20 de maio, e a previsión é que a obra se conclúa arredor do 14 de xuño. Realizarase un pozo e situarase a maquinaria de perforación na zona da marquesiña, afectando á circulación polo carril dereito en sentido saída da cidade e quedando libre outro carril na mesma dirección.
A canalización da rede de Unión Fenosa no ramal de suba da rolda Camilo José Cela á avenida de Monelos requirirá o corte deste tramo de vía dende o luns, día 20, ao 14 de xuño. A alternativa de acceso á avenida de Monelos será dende a glorieta de Matogrande pola avenida Salvador de Madariaga e rolda Camilo José Cela. Este percorrido será que realice, tamén, a liña de autobús urbano 1 A.
A realización dun noiro e un muro de dique na marxe dereita do tramo I da Terceira Rolda en dirección ao centro comercial Marineda City
obrigará a cortar o carril dereito, deixando libres outros dous neste sentido. Os traballos empezarán o luns, 20 de maio, ás 10.00 horas, coa colocación dos sinais. A conclusión estimada das obras está fixada para finais do mes de maio.
O proxecto de renovación do pavimento na avenida de Nova York, no ámbito do colexio das Jesuitinas, empezará a executarse o próximo
luns e durante tres noites cortarase o acceso á estrada á zona da Zapateira dende Alfonso Molina en horario de 22.30 a 06.45 horas. A ruta
alternativa será polas rúas Xenebra e Londres, manténdose en todo momento o tráfico en sentido baixada.
As obras de canalización da rede de alta tensión na zona de Matogrande continuarán o próximo luns, 20 de maio, polo que se eliminará o tráfico no acceso a Matogrande dende Alfonso Molina na glorieta. A alternativa para acceder ao barrio será polas pontes xemelgos-avenida García Sabell.
Debido ás obras de canalización da rede de alta tensión na zona de Matogrande tamén será preciso continuar ata o 31 de maio coa ocupación das zonas de estacionamento e os carrís de suba das rúas Juan Díaz Porlier e Federico García, quedando estas vías con sentido de circulación de baixada cara á glorieta. As obras irán avanzando cara á intersección da rúa Federico García con Enrique Mariñas en tramos de 80 metros. Os vehículos serán desviados dende a rúa Sebastián Martínez Risco pola rotonda cara á rúa Enrique Mariñas, retomando posteriormente por Federico García. En todo momento se garantirá o acceso aos garaxes.
Con motivo do acceso de vigas prefabricar á obra da autovía de entrada á cidade da Coruña e conexión co aeroporto de Alvedro, produciranse a partir do martes, 21 de maio, cinco cortes puntuais de aproximadamente cinco minutos no acceso á glorieta de Pocomaco dende O Birloque, á altura do depósito municipal de vehículos. Está previsto que os cortes se realizarán entre as 10.00 e as 12.30 horas e entre as 15.30 e as 18.30 horas.
Os traballos de acometida de gas á altura do número 59 da rúa Antonio Insua Rivas implicarán o corte dun carril, polo que se dará paso alternativo polo outro carril a través de sinais. Manterase o paso do autobús urbano. As obras empezarán o martes, 21 de maio, e a previsión é que rematen o día 24.











