O Concello informa de cambios provisionais na circulación por obras en diferentes puntos da cidade
A Concellaría de Tráfico, Mobilidade e Uso e Utilización do Dominio Público informa dos cambios que, de xeito provisional, se producirán na circulación en diferentes puntos da cidade da Coruña.
– Con motivo das obras de pavimentación na rúa Fonseca, é necesaria a ocupación das zonas de aparcadoiro e do carril dereito (números impares) entre o 3 de xuño e o 3 de xullo. Ademais, ocuparanse 10 metros de estacionamento na praza de Lugo-Payo Gómez. En todo momento se deixará o outro carril de circulación libre.
– Debido á realización de sondaxes no ámbito da Dársena de la Marina por parte da Autoridade Portuaria, durante os días 3 e 4 de xuño será necesario o corte do carril dereito na avenida Álferez Provisional á altura da Deputación, en dirección saída cidade, quedando outro carril libre no mesmo sentido.
– A entrada na obra de construción da Tercera Ronda das vigas para o viaduto obriga modificacións de tráfico na glorieta de Pocomaco. É necesario realizar cortes de tráfico intermitentes de 2 minutos de duración na avenida García Sabell-Carretera de Pocomaco e na CP-512-O Birloque os seguintes días: 3 cortes nocturnos durante a noite do luns 3 ao martes 4 de xuño; 2 cortes nocturnos durante a noite do martes 4 ao mércores 5 de xuño; 4 cortes diúrnos durante o 5 de xuño; 4 cortes diúrnos durante o 6 de xuño; 4 cortes diúrnos durante o 7 de xuño. O horario dos cortes de tráfico será, en horario nocturno, de 22.00 a 05.30 horas, mentres que polo día serán entre as 10.00 e as 13.30 horas e entre as 16.00 e as 18.30 horas.
– A canalización da rede de Unión Fenosa na rúa Álvaro Cunqueiro provoca o corte desta vía entre a intersección coa avenida de Alfonso Molina (á altura do número 7 de Álvaro Cunqueiro) e a praza da Milagrosa ata o 11 de xuño. Os vehículos desvíanse cara a Alfonso Molina-San Cristóbal. Mañá, sábado 1 de xuño, en horario de 11.00 a 18.00 horas, é preciso o cambio de sentido da praza da Milagrosa, de tal maneira que os vehículos que circulan pola rúa Alexander Von Humboldt accederán á rúa Álvaro Cunqueiro polo vial que rodea a praza da Milagrosa, en lugar de polo vial que pasa por diante da igrexa da Milagrosa.
. Con motivo da realización de traballos topográficos para o proxecto de mellora e adecuación das instalacións do túnel de María Pita, durante a noite do domingo 2 ao luns 3 de xuño, en horario de 00.00 a 07.00 horas, será necesario o corte dun dos carrís do interior do túnel, manténdose o carril cara á praza de Millán Astray e o acceso ao aparcadoiro subterráneo.
– Os traballos topográficos para o proxecto de mellora e adecuación das instalacións do túnel da praza de Pontevedra tamén implicarán modificacións na circulación, se ben en todo momento se manterá o acceso ao aparcadoiro subterráneo da praza. Dende as 21.00 horas do luns 3 de xuño e ata as 07.00 horas do martes 4 de xuño, cortarase un dos dous carrís de circulación no tramo de conexión de Regidor Somoza-rampla saída cara á rúa Juan Flórez, manténdose o outro carril de circulación libre. Durante a noite do martes 4 ao mércores 5 de xuño, en horario de 00.00 a 07.00 horas, a afección producirase no tramo da rampla de entrada en Juana de Vega-conexión Regidor Somoza, cortando o carril esquerdo da rampla de entrada e realizando cortes puntuais dun minuto no carril dereito. Tamén é necesario o corte total do ramal de acceso á rúa Regidor Somoza entre as 03.00 e as 04.00 horas, desviándose os vehículos cara á saída da rúa Juan Flórez.
– Con motivo das obras de canalización da rede de alta tensión na rúa Enrique Mariñas, é necesaria a eliminación da circulación en sentido avenida Alfonso Molina dende o cruzamento das rúas Enrique Mariñas e Federico García, manténdose o acceso a Matogrande dende a glorieta dos hoteis. Esta afección terá unha duración de catro horas e iniciarase mañá, sábado 1 de xuño, ás 07.30 horas.











