publicidade hoxe

O Concello empeza as obras de reurbanización da praza das Conchiñas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+
Visita á zona das obras

Visita á zona das obras

O tenente de alcalde de Medio, Territorio e Infraestruturas, Martín Fernández Prado, achegouse esta mañá ata a praza das Conchiñas, onde o Concello, a través da área de Infraestruturas e da Empresa Municipal de Vivenda, Servizos e Actividades (EMVSA), empezou a retirada dos servizos básicos, paso previo indispensable á construción do aparcadoiro subterráneo e a reurbanización do ámbito.

O Goberno local cumpre así o compromiso adquirido polo alcalde, Carlos Negreira, de empezar as obras en primavera. Con esta actuación, o Concello responde a unha demanda histórica dos veciños e comerciantes do barrio, que levan anos solicitando unha solución ao problema de estacionamento nesta zona na que a maior parte de edificios carece de garaxe propio.

O proxecto supón un investimento de 2,2 millóns de euros. O novo aparcadoiro poñerá a disposición dos veciños un total de 185 prazas, das que 12 se reservan para persoas con mobilidade reducida: 114 en réxime de rotación e 71 en réxime de concesión a 50 anos. Fernández Prado aclarou que o número de prazas en concesión se poderá readaptar en función da demanda final de veciños e comerciantes. O párking terá a súa entrada e saída na avenida Das conchiñas aínda que se realizará un cambio de sentido dun tramo da rúa Entrepeñas para acceder ás principais vías do ámbito: rolda de Outeiro, rolda de Nelle e avenida de Finisterre.

“Pero non é só construír un aparcadoiro, é a desculpa perfecta para mellorar a praza e o seu ámbito”, destacou Fernández Prado. Neste sentido, o proxecto inclúe a revitalización da praza das Conchiñas como centro de referencia do barrio. Así, proxéctase unha nova fachada cara á praza -favorecendo a integración do mercado no barrio e a mellora dos seus accesos- e ampliar a zona de xogos infantís. Dous dos grandes obxectivos son, por un lado, crear unha zona maior para uso público para reforzar o espazo central da praza, onde se poderán celebrar diferentes tipos de actividades, como concertos ou feiras artesanais; e polo outro, contar co maior número posible de árbores”, afirmou.

O tenente de alcalde indicou que as obras teñen un prazo de execución aproximado de 10 meses, pero a intención do Goberno municipal é adiantar a construción nas zonas periféricas da praza para que o proxecto cause as menores molestias posibles a comerciantes e veciños.

8 de maio de 2013 | 19:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.