publicidade hoxe

O Concello elixirá entre 27 propostas veciñais o cartel da XXV Festa do Pan de Neda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaNeda
A-
A+

O Concello de Neda elixirá entre 27 propostas o cartel gañador da XXV Festa do Pan de Neda. Foron os traballos presentados á primeira edición do Concurso promovido pola Concellería de Promoción Turística que dirixe Montse Rico. O certame está dotado economicamente cun premio de 300 euros, aínda que todos os traballos pasarán a formar parte dunha exposición na Casa das Palmeiras en datas próximas á celebración desta festa de exaltación do producto por excelencia da real vila nun ano, o 2013, moi especial, xa que se cumpre o seu primeiro cuarto de século.

Agora, a Concellería de Promoción Turística convocará ao xurado, formado polo alcalde, a propia edil de Turismo, dous representantes dos grupos políticos que integran a corporación municipal, un membro do sector panadeiro e un artista de recoñecido prestixio (previamente designado na Comisión de Delegados de área), xunto co secretario municipal.

O concurso é unha iniciativa máis da que está a levar a cabo o Concello para potenciar a Festa do Pan. Así, a edil iniciaba ante a Xunta os trámites necesarios para solicitar a Declaración de Interese Turístico de Galicia para a festa, estreaba nova imaxe corporativa da cita e activaba unha campaña de adhesión de apoios á iniciativa entre hostelería e cidadanía en xeral, así como de promoción do producto. E nese contexto se encadra o concurso, unha acción máis para continuar poñendo en valor esta cita a través da participación cidadá.

2 de maio de 2013 | 18:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.