O Concello destina máis de 400.000 euros a dous proxectos educativos
A Xunta de Goberno Local autoriza a firma de dous convenios coa Fundación María José Jove e a Federación Provincial de APAS para a realización de dous proxectos educativos.
En concreto, o Goberno municipal asinará un convenio de colaboración coa Fundación María José Jove para a realización do programa integral de educación para a saúde, Educa Saúde.
O programa ten como obxectivos prioritarios a información, sensibilización, a prevención de condutas de risco e a promoción de estilos de vida saudables entre o alumnado e as súas familias, e estará composto por estratexias e actividades que promoven hábitos de vida saudables sobre tres aspectos prioritarios do alumnado: o psicolóxico, o físico e o relacional; utilizando unha metodoloxía adaptada á idade e a cada tipo de actividade e que terá un enfoque activo, fundamentalmente práctico e participativo. En consecuencia, basearase nunha aprendizaxe signitificativo a través de actividades no xogo, o traballo en equipo, a experimentación e os talleres.
Ademais, este programa, que contará coa colaboración da Sociedade Española de Pediatría, intentará impulsar unha formación e concienciación ambientais do alumnado. A prioridade é, partindo do coñecemento da problemática ambiental, chegar a sensibilizar o alumnado e as súas familias sobre a necesidade de adoptar estilos de vida máis sostibles que deriven en actitudes de respecto, prevención e coidado do medio natural e urbano.
Pola súa banda, o Concello encargarase de establecer o marco organizativo do Programa e asumirá a supervisión e avaliación económica deste. Educa Saúde contará cun investimento de 100.000 euros.
Ademais, a Xunta de Goberno local, aprobou onte outro convenio coa Federación Provincial de APAS de Centros Públicos para a realización de programas educativos, deportivos, culturais e de xuventude por importe de 312.000 euros. A realización dos programas implicará a súa xestión baixo a supervisión do Servizo Municipal de Educación, tomándose como referencia o programa Educación e formación 2020 da Unión Europea sobre as competencias clave para a aprendizaxe permanente. Os programas municipais que teñen preferencia para a súa realización son:
– Coruña tardes: programa de ocio educativo (POE) e deporte no centro.
– Coruña linguas: Listen and Speak, e Obradoiro de iniciación á curtametraxe en galego.
– Coruña tics: Click English.
– Coruña de aventura: Rutas Urbanas Animadas.
– Concertos educativos.
– Luditarde, nos centros nos que se está a desenvolver no curso 2012
– 2013, sempre e cando siga existindo demanda por parte das familias.
Ademais, no marco deste convenio, terase en conta calquera outro programa que se poña en marcha dende o Servizo Municipal de Emprego ao longo de 2013.