O Concello destaca que a Policía Local garante o cumprimento das ordenanzas
O Concello da Coruña destaca o labor que realizan a diario os axentes da Policía Local no desenvolvemento das súas funcións, cun traballo rigoroso e profesional que permite garantir o cumprimento das ordenanzas municipais, entre as que se encontra a seguridade vial.
O Goberno municipal quere deixar claro que a Policía Local desenvolve as súas funcións co obxectivo de velar polo cumprimento das ordenanzas, entre as que está controlar os cruzamentos semafóricos para evitar a venda sen licenza nestes puntos e, deste modo, garantir a seguridade vial tanto de condutores coma de peóns. Neste sentido, o Concello recorda que aquelas persoas que se sancionan son porque se encontran exercendo unha actividade indebida nos viais públicos.
O Goberno local aposta pola integración social de todos os cidadáns. Ao longo do ano pasado, dedicou preto de 511.000 euros a axudas dirixidas a entidades que traballan nesta liña de apoio aos colectivos de inmigrantes na cidade ou que desenvolven programas de cooperación no exterior. Ademais, o Concello conta cun programa de atención a poboación emigrante, con profesionais específicos. De feito, é a primeira vez que na Coruña se contrata de forma estable durante todo o ano a un equipo destas características.
En 2012 destináronse 192.437 euros a subvencións relacionadas coa inmigración (8 asociacións) e con axuda ao exterior (14 asociacións), ademais de 36.500 euros en convenios con catro asociacións, 66.436 euros para dúas asociacións no marco de Urbana-C e 215.600 euros para a unidade que se encarga da atención a persoas emigrantes (UAMI).